Abel Caballero informou este mércores de que as obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) xa contan cos informes favorables de Estradas e Aviación Civil, polo que agora é a Xunta a que ten que declarar a urxente ocupación dos terreos afectados.
Así, o alcalde de Vigo pediu á Xunta de Galicia que dea este paso para que o Concello poida levar a cabo as expropiacións. “Xa temos todos os informes favorables, tanto o de Carreteras como o de Aviación Civil, que inclúe Seguridade Aérea e Aena, polo que xa é a Xunta a que ten que axilizar os trámites para que poidamos procedes desde o Concello”, sinalou.
Os trámites pendentes son a aprobación da Comisión Superior de Urbanismo da Xunta e o visto e prace do Consello da Xunta, onde o proxecto e a ocupación de terreos debe recibir luz verde. “Xa levamos a cabo a información pública da expropiación e xa temos os recursos, é tempo de convocar aos afectados para pagar”, sinalou Caballero.
O alcalde vigués tamén indicou que Conxemar necesita confirmar en febreiro a data da que disporán da ampliación e así en xuño poder ofrecer os espazos aos expositores que participarán na feira convocada para o outono de 2021.