O alcalde de Vigo informou este xoves do anunciado plan para reactivar a cidade tras a crise sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19. Abel Caballero asegurou que o Plan de Reactivación e Reconstrución Económica e Social Post-Covid19 xa está en marcha e contempla mobilizar un total de 1.000 millóns de euros no prazo de tres anos.
“O obxectivo é actuar en dúas fases, unha de acción inmediata cun plan de choque, e outra a corto e medio prazo”, sinalou o rexedor olívica durante a súa comparecencia telemática ante os medios de comunicación. O alcalde destacou que o Concello contará coa achega de fondos por parte do Goberno central, a Deputación de Pontevedra e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. “Imos xuntos Vigo e os seus aliados”, apuntou.
Iso si, Caballero non deu detalles de partidas económicas concretas e incluíu neste plan moitos proxectos xa en marcha como a Ronda Don Bosco ou a Estrada Porto-Beade, outros xa coñecidos como a reforma de Balaídos ou da Avenida de Europa, algúns pendentes de tramitación, como o Anel Verde, ou incluso algúns só comprometidos verbalmente, como a Biblioteca Pública do Estado.
A obra pública aglutinará unha cuarta parte do investimento, cun importe total de 250 millóns de euros. O alcalde comprometeuse a iniciar a denominada cuarta xeración de humanizacións en Vigo. Entre as actuacións que están incluídas atópanse vellos anhelos como a remodelación da Avenida de Madrid, da Praza de España, o Paseo Marítimo de Bouzas ou o carril bici na Avenida de Europa.
Tamén comprometeu as humanizacións de Doutor Cadaval, Serafín Avendaño, Heraclio Botana, Roupeiro, García Barbón (Rosalía – Isacc Peral), Martínez Garrido (Fase 4), A Guarda, Rosal, Colombia (Fase 2), Antonio Cominges, Rúa México, Rúa Burgos, Valladolid, Julia Minguillón, Vista Alegre, Romil (Fase 1 desde rúa Ourense), Bueu, Simancas, Troncoso, Pilar, López de Neira, Tercio de Afora, Gregorio Espino (Fase 4), Pontevedra (de Arenal a Rosalía), Gran Vía (entre Urzaiz e María Berdiales e entre Venezuela e Praza de América), Val Miñor, Aragón (Fase 6), Calexón Rosalía de Castro, Sampaio, Taboada Leal, Hispanidade e 100 reformas viarias no rural.
Cultura e Vigo Vertical
En relación a infraestruturas culturais, Abel Caballero indicou que se vai a construír a Biblioteca do Estado, Biblioteca de Teis, a Escola de Música de Bembrive, o Auditorio de Coruxo e o Torreiro Valadares. No relativo a accións medioambientais, asegurou que sairán adiante o Anel Verde, Vía Verde e recuperación do río Lagares, entre Cabral e a desembocadura. Sobre mobilidade vertical levarase a cabo o elevador de Vía Norte, o do Centro de Saúde de Teis, catro ascensores e ramplas máis e a escaleira da rúa Talude.
Abastecemento e saneamento
A nova ETAP do Casal será outra das actuacións incluídas no plan, así como a Estación de Bombeo de Augas Residuais de Bouzas e o saneamento das rúas Dona Fermina, Camelias, Hispanidade, Marqués de Alcedo, Jacinto Benavente, Filipinas, Bueu, a eliminación de vertidos en parroquias, os depósitos do Meixoeiro, Monte Cepudo e Bembrive e a drenaxe en Puxeiros (Estrada Vella).O capítulo de infraestruturas municipais inclúe o Estadio de Balaídos, coa nova grada de Marcador, o Parque de Bombeiros, a lonxa do Concello e a cuberta do tranvía na Avenida de Castelao.
Deportes e Educación
Caballero explicou tamén que no apartado de deportes se acometerá a obra da terraza do pavillón de Romil e os pavillóns do Carballal e Matamá, así como os campos de fútbol de Santa Mariña, A Guía, Fragoselo e a iluminación do campo fútbol do Vao. No relativo a Educación, inclúe 15 novas cubricións de patios de colexios e das pistas deportivas de Zamáns, Frián e Villalaura, mentres que no apartado social construirase o local para as peñas do Celta na grada de Tribuna e a reforma do edificio da Praza da Princesa.
Fondos europeos, Goberno e Zona Franca
Tamén haberá fondos para reformar as prazas de España, Elíptica e Miñoca, mentres que os fondos europeos inclúen a Porta do Sol e a Gran Vía e desde o Goberno de España, a baixada e a Praza da Estación, o túnel de Lepanto e as intersticiais.
O alcalde mencionou tamén a achega de 150 millóns por parte de Zona Franca, con empresas de capital risco, a ampliación do Polígono de Balaídos, a do PTL, solo industrial en A Garrida e o Business Car Vigo.
Urbanismo e taxas
No referente á rexeneración urbana, Abel Caballero comprometeu axilidade na concesión de licencias, o desenvolvemento do PXOM e a recuperación do Barrio do Cura e a Panificadora. Ademais, lembrou os anuncios feitos durante os últimos días para eliminar as taxas municipais ao pequeno e mediano comercio (vados, lixo, auga, ICIO, licenzas).
Mercados, Cultura, Deportes e Festas
Outro dos anuncios do alcalde foi a creación dunha plataforma online (mercaenvigo.es) para centralizar as ventas dos establecementos comerciais. Tamén apuntou que o Concello continuar coa política social iniciada durante a pandemia para protexer aos cidadáns con menos recursos. Desde as concellerías de Deportes, Cultura e Festas xa están en marcha os plans de reactivación sectorial tras os contactos mantidos durante os últimos meses.
O alcalde reunirá a semana que vén por vía telemática aos sectores económicos para contarlles o plan, recoller a súa opinión e levala ás mesas sectoriais para elaborar un grande pacto social da cidade.