Caballero expuxo que o 23 de decembro, un día despois de que o Ifevi recibise o proxecto, o Concello enviou unha carta, asinada polos concelleiros Javier Pardo, Carlos López Font e Santos Héctor, urxindo á Presidencia a convocar o Pleno do Padroado do IFEVI e, tres días despois, o 26 de decembro, o Concello enviou a orde do día para esa reunión na que se debe tomar coñecemento do proxecto e solicitar a aplicación da Lei Vigo «exactamente igual que se fixo coa ampliación do anterior tramo hai un par de anos».
O rexedor urxe á Xunta a convocar o Padroado para o vindeiro luns «pero parece que a Xunta non ten ningunha présa» porque, di, xa debera estar convocado unha vez recibido o proxecto, valorando a importancia «vital» da ampliación do Ifevi xa que «está en xogo que Conxemar estea en condicións de competir coa Seafood en Barcelona porque os que veñan a Vigo coa ampliación non irán a Barcelona», cifrando en 60 ou 70 empresas as interesadas en estar en Vigo que carecerían de espazo de non acometerse a obra.
Pola súa banda, o presidente da feira, José Luis Freire, tamén solicitou a aplicación da chamada Lei Vigo e a concesión de licencia para poder acometer a obra. No caso contrario, segundo insistiu, a cidade podería perder a feira, que buscaría un emprazamento onde si teñan cabida todos os expositores que demandan espazo para Conxemar 2020.