O confinamento da primavera fixo que, sobre todo en EEUU pero tamén en España, moita xente se achegase, por primeira vez, á Bolsa como un xeito de buscar ingresos alternativos. Pero segundo recoñecen os propios ‘brokers’, as persoas que se acheguen a estes mercados necesitan práctica e formación, xa que as flutuacións son imprevisibles e entre un 70% e un 80% dos seus clientes individuais perden cartos. Por isto os profesores Jorge Vila Biglieri e Pablo Iglesias Hernández, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, decidiron poñer en marcha unha competición de Bolsa, “unha especie de introdución, algo así como un ‘bautizo financeiro’, como unha vía para cumprir cos nosos obxectivos divulgativos e didácticos como Universidade”, recoñecen.
A competición desenvolverase entre os días 30 deste mes e o 4 de decembro e o prazo de inscrición está aberto ata o día 21 a través da dirección competicionbolsa@uvigo.es. O profesor Vila Biglieri explica que a finalidade é “divulgar os coñecementos financeiros fomentando as prácticas con cartos virtuais para que cada un dos participantes descubra se lle divirte o mercado financeiro e, o que é máis importante, se lle pode sacar proveito, antes de darse un castañazo”.
Esta é a primeira edición da competición, aínda que en anos anteriores dende o Departamento de Economía Financeira e Contabilidade xa se organizaron iniciativas similares como o curso de Advanced Trading. Agora, a competición vai un paso máis aló, permitindo que os participantes se familiaricen coa operativa a curto prazo sobre produtos financeiros e as plataformas dos brokers en liña. “A plataforma de intermediación financeira permítenos operar de forma ficticia sobre unha carteira dun millón de dólares que podemos investir en múltiples mercados e produtos durante unha semana, do 30 de novembro ao 4 de decembre, para intentar rendibilizar os seus cartos”. A persoa gañadora, que se anunciará o día 9 de decembro, determinarase segundo o grao de éxito, é dicir, a rendibilidade, se ben os organizadores recoñece que “a sorte xogará un papel esencial na clasificación”.
Principalmente trátase de que “cada participante consiga unha experiencia que lle permita coñecer o seu perfil de risco, practicando co funcionamento dos mercados, as perdas e os beneficios, algo que no mundo real pode saír moi caro”. O profesor Vila engade que a competición axudará tamén a diferenciar os tipos de produtos, as técnicas operativas, os prazos de inversión, a importancia da diversificación, etc. “A única certeza que temos é que os mercados financeiros aumentarán en número (Forex, Bitcoin, etc.) e en tamaño, xa que cada ano se baten récords de negociación”, puntualiza.
Para participar na competición non é preciso ter ningún tipo de coñecemento previo e está aberta a calquera persoa, sempre que sexa maior de idade e teña curiosidade por este tipo de produtos. A idea, remarca Vila, “é que practique e se faga consciente da súa intelixencia emocional no crisol do mercado” e pon o foco tamén nas persoas con experiencia na Bolsa tradicional. “Coñecemos a moitas persoas maiores que teñen boas técnicas financeiras e só é preciso que as adapten ás plataformas en liña” e lembra que en experiencias previas atoparon “talento entre os estudantes, por exemplo, no caso dun alumno que multiplicou por 10 los 10.000 euros iniciais nun mes a base de ‘penny stocks’, o que aquí chamaríamos chicharros”. Ademais, o profesor Vila Biglieri engade que se ás persoas que participan na competición descobren neste eido un novo interese, “poden aprender máis sobre técnicas operativas como as que ensinamos no curso de Advanced Trading”.