O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado da Zona Franca, David Regades, asinaron este mércores un protocolo de colaboración entre ambas as institucións co obxecto de establecer as bases para o desenvolvemento da ampliación do polígono industrial de Balaídos.
Dun tempo a este parte a automoción, un dos sectores produtivos máis importante da cidade e a súa área de influencia, vén expoñendo aos representantes do Concello e do Consorcio a urxente necesidade de ampliar o polígono de cara ao mantemento e á consolidación do sector.
Para elo, ambas institucións acordaron formar un grupo de traballo paritario que decida o camiño a seguir para facer realidade este proxecto. Do mesmo xeito, formalizarán nun convenio os compromisos concretos, que quedarán recollidos por escrito para que ningún dos organismos públicos poda botarse atrás. Ese documento incorporará as previsións necesarias para garantir viabilidade desta actuación, entre as que estarán as condicións urbanísticas.
Tras a sinatura, Caballero apuntou “a importancia de xerar chan industrial na cidade porque non podemos volver atoparnos coa situación de que haxa empresas que non poidan quedar en Vigo por falta de chan”. Pola súa banda, Regades manifestou que para Zona Franca e para Vigo “o polígono de Balaídos onde está situada a factoría de PSA é prioritario, por iso, hoxe estamos a dar un paso máis para a súa ampliación”.
Ademais, o delegado sinalou que a ampliación tamén será declarada libre de impostos”. “Con este protocolo xa empezamos a facer o proxecto sectorial e a debullar o futuro da man do Concello co reflexo que está no Plan Xeral”, sinala.