«Naval de Vigo D.E.P. O sector da construción e reparación naval de Vigo desapareceu despois de ter xerado actividade durante décadas atinxindo máis de 10.000 postos de traballo. A incapacidade do capital privado para desenvolver as súas enormes potencialidades e a deliberada inacción da Xunta de Galiza e do Goberno español conduciron á súa desaparición, arrastrando con ela a industria auxiliar. As crises provocadas en Vulcano e Barreras marcaron un punto de non retorno. Millares de persoas desempregadas, emigradas e precarias lamentan a súa desaparición que puido e debeu ser evitada».
Esta é a nota necrolóxica xigante do naval de Vigo que a Unión Comarcal da CIG de Vigo amosou este xoves nunha acción simbólica diante das dependencias da Subdelegación do Goberno, na rúa Teófilo Llorente. para denunciar a “morte” do sector naval. Durante o acto, máximo responsable da central sindical na bisbarra fixo un chamamento a participar na manifestación en defensa do sector que terá lugar este mércores 19..
Ao remate do acto, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, lembrou que a central sindical leva moito tempo alertando da situación límite que vive o sector naval. “Non podemos permitir que isto se converta na crónica dunha morte anunciada, como quixemos escenificar hoxe”. Por iso fixo fincapé en que é urxente, “de vida ou morte”, que tanto a Xunta como o Goberno actúen xa, adoptando medidas para blindar a continuidade dun sector “absolutamente vital e estratéxico” para a industria de Vigo. “Teñen que deixar de mirar a outro lado mentres asistimos ao naufraxio do naval”.
Intervención pública directa
Gonçalves considera que «non se pode ficar impasibles mentres o antigo Vulcano segue avanzando cara a súa desaparición definitiva, cando Barreras está nun punto crítico, sen carga de traballo á vista, e cando na industria auxiliar xa se destruíu no último ano máis do 40% do emprego».
“Pero temos que advertir que non vale repetir unha e outra vez as mesmas solucións en falso. O futuro do sector non pode pasar por seguir a meter diñeiro público nos petos de accionistas privados que á mínima de cambio volven colocarnos no mesmo punto de partida. Hai que acabar con esta espiral de fiascos e con este día da marmota permanente, onde cada poucos meses volvemos a estar ao borde do abismo”.
Segundo asegurou, a solución pasa por unha intervención pública directa, que faga que a ría de Vigo volva contar cun estaleiro público ou semipúblico, que dote de estabilidade e solvencia o sector. “Por iso queremos reiterar o chamamento a unha gran mobilización comarcal, o próximo mércores 19 de maio desde a Dobrada ás 18:00 horas, baixo o lema ‘Salvemos o naval! Polo futuro industrial da comarca de Vigo’, para reclamar de maneira firme o dereito a ter un traballo digno na nosa propia terra”.