Agustín Malvido Broullón, figura chave do sindicalismo nacionalista dende a súa afiliación ao Sindicato Obreiro Galego (SOG) en 1976, faleceu este mércores en Vigo aos 94 anos dada a súa avanzada idade. Este fillo dun mariñeiro e dunha conserveira deixa así un fondo oco nas plataformas de defensa das persoas traballadoras.
Malvido naceu en Cangas do Morrazo en outubro de 1928. Quedou orfo aos catro anos, trasladándose aos oito a Vigo, onde en 1940, con 12 anos, entrou a traballar como botóns no real Club Náutico. Despois fíxoo como aprendiz na fábrica de Álvarez, e en Vidrios de La Florida en 1944, empresa na que permaneceu até o seu peche en 1978. Neste tempo foi enlace sindical, experiencia que lle serviría despois para axudar a desenvolver as primeiras organizacións sindicais nacionalistas da comarca.
En 1976 afíliase ao SOG, sendo responsábel de negociación colectiva. Catro anos despois foi elixido secretario comarcal da ING, cargo que continuou exercendo na INTG, na CXTG e na CIG até decembro de 1997, cando se xubilou. De feito, foi o primeiro secretario comarcal da CIG de Vigo tras a unificación, sendo un dos alicerces básicos no nacemento, crecemento e consolidación do sindicalismo nacionalista tanto na bisbarra como no conxunto do país.
Até o seu pasamento mantivo unha relación constante coa CIG, con visitas periódicas ás instalacións do sindicato, e participou activamente nas principais mobilizacións convocadas na cidade pola central. Ao longo da súa vida tamén tivo tempo para a militancia política, sempre da man do nacionalismo. En 1998 foi nomeado Vigués Distinguido en recoñecemento da súa tarxectoria.
Dende a central sindical recoñeceron este xoves publicamente “a súa longa traxectoria sindical, social e política no eido do nacionalismo galego”, ao tempo que lle trasladan “o seu máis sincero afecto á familia e amizades do finado”.
Desde a CIG trasladan “o seu afecto á familia e amizades do finado, así como o seu máis sincero agradecemento pola enorme contribución de Agustín Malvido á causa da clase obreira galega e dunha Galiza ceibe e sen explotación”.
Pésame do BNG
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego fixo público as súas condolencias polo que foi primeiro secretario comarcal da CIG en Vigo. O concelleiro Xabier P. Igrexas expresou o seu fondo pesar e transmitiu, en nome da fronte nacionalista, o seu “máis profundo recoñecemento a toda unha vida dedicada á loita sindical en favor da clase traballadora galega”.
“Agustín Malvido xogou un papel fulcral no abrollar do sindicalismo nacionalista e de clase e co seu desempeño incombustíbel axudou a eito a empurrar a causa das traballadoras e traballadores de Vigo e de Galiza”, recoñeceu Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista salientou tamén o seu “compromiso coherente co nacionalismo galego”, destacando a súa xenerosidade á hora de integrar as candidaturas do BNG ao Parlamento europeo en 1999 e nas eleccións municipais en Vigo no 2007.
“Malvido é un expoñente dunha xeración á que lle debemos unha inmensa gratitude, por se revolver fronte á inxustiza en tempos moi duros e complexos en favor dos dereitos da maioría social e das liberdades, sempre coa cabeza e co corazón en Galiza”, acrecentou.