Segundo informou a CIG, un dos folguistas xa tivo que deixar o xexún este sábado despois de que as analíticas de sangue e os controis de constantes revelasen a existencia de importantes problemas de saúde, polo que por precaución optouse por que abandonase a protesta.
As dúas traballadoras que canda el iniciaron a folga de fame -á que o pasado día 16 se sumou un dos celadores despedidos- continuaron até este luns, optando por deixala tamén para evitar posíbeis danos físicos. Non hai que esquecer que neste tempo os catro folguistas perderon de media máis de oito quilos de peso cada un deles.
Tanto o comité de empresa como o cadro de persoal que participou na asemblea que tivo lugar este luns no salón de actos do centro médico levaban xa varios días solicitándolles que «abandonaran unha protesta que ía camiño de afectar seriamente a súa saúde a causa da intransixencia e da actitude da dirección de Povisa, que mesmo deu orde ao persoal de seguridade para que impedise que os folguistas puidesen durmir acendendo a luz cada media hora polas noites».
A presidenta do comité de empresa -unha das persoas que se mantivo en folga de fame dende o inicio- tomou a palabra durante a asemblea para agradecer o apoio e a solidariedade amosada por boa parte dos traballadores do hospital e por unha ampla maioría de pacientes e usuarios. María Xesús Neira aproveitou para criticar tanto a actitude de Povisa, en particular do seu xefe de Persoal, como da Consellería de Sanidade e da Xunta, a cuxa delegada provincial acusou de facer «un paripé» ao anunciar que hoxe se manterá unha xuntanza con Povisa.
Continuarán coas mobilizacións
A representante sindical quixo deixar claro que «a dirección da empresa continuará a despedir persoal e a empeorar as condicións laborais dos traballadores», polo que anunciou que dende o comité «seguirán a promover a convocatoria de mobilizacións». A primeira delas terá lugar este mesmo martes diante do hospital a partir das 12.30 horas, onde se desenvolverá unha concentración de traballadores, pacientes e usuarios en defensa do emprego e da calidade asistencial.