Tras a convocatoria de folga feita pública a semana pasada para rexeitar o peche da tenda de Massimo Dutti no centro comercial As Cancelas de Santiago, representantes da CIG-Servizos compareceron este luns para anunciar tamén un paro indefinido contra a decisión de Inditex de pechar cadanseus establecementos de Bershka en Pontevedra e Vilagarcía o vindeiro luns, 30 de xanerio.
A medida de presión, que dará comezo este mesmo xoves 26 e que afectará tamén ás dúas tendas de Vigo, virá acompañada tamén de mobilizacións, comezando cunha manifestación en Pontevedra este venres 27 dende o hospital Provincial ás 20.30 horas e con remate diante da tenda de Bershka, na rúa Benito Corbal; e dunha concentración na Praza de Galicia de Vilagarcía o mesmo día no mesmo horario.
O obxectivo da folga e das protestas é rexeitar o que a CIG considera un ERE encuberto por parte da empresa téxtil, tendo en conta que das 21 persoas afectadas unicamente oferta tres vacantes de recolocación nas dúas tendas de Vigo para o persoal pontevedrés e outras tres para o de Vilagarcía, tal e como denunciaron Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, e Diana Rodríguez, responsable comarcal da federación en Pontevedra, durante a comparecencia diante dos medios de comunicación.
As responsables sindicais criticaron ademais que estas vacantes, que se cubrirían atendendo á antigüidade, contemplan xornadas de menos horas e “non respectan as condicións laborais” que o persoal pontevedrés lograra coa convocatoria de folga de 2017. Ao que hai que sumar que sería para traballar de luns a sábado en horario de tarde, polo que non permitiría a conciliación familiar e laboral. “Traballarían menos horas, polo que perderían salario, e ademais non poderían conciliar; o que está claro é que Inditex pretende que as persoas afectadas non acepten a recolocación e opten por abandonar a empresa”, indican.
De feito, a compañía ofrece unha axuda mensual de 0,19 euros por quilómetro polo traslado, pero a partir do quilómetro 25, polo que o persoal pontevedrés que opte pola reubicación nas tendas de Vigo unicamente cobraría seis quilómetros; no caso do de Vilagarcía só ingresaría como máximo 90 euros ao mes, que é o tope fixado no acordo asinado por CCOO e UGT con Inditex a escala estatal sobre o proceso de dixitalización das vendas.
Recolocación ou compensación
Este acordo permítelle pechar tendas, “non porque dean perdas senón para obter máis beneficios a costa” do persoal, e recolocar o persoal en empresas do grupo dentro da mesma localidade ou trasladalo a establecementos da mesma cadea noutras localidades. Por iso a CIG vai esixir ben a reasignación de todo o persoal ou que o seu traslado se faga cunha compensación económica que non implique perda de salario.
Finalmente, dende a central sindical critican que Inditex estea a destruír emprego nas tendas e empeorando as condicións do persoal escudándose no cambio de modelo de negocio pactado con CCOO e UGT, cando “o pasado ano foi no que máis millóns de beneficios obtivo”, o que demostra que podería recolocar a todo o persoal afectado “garantindo as súas condicións tanto laborais como salariais”.
As indemnizacións serían de 33 días por ano traballado grazas a este acordo con UGT e CCOO, “cando noutros traslados conseguíronse até 60 días”. De todas formas, na CIG queren deixar moi claro que as persoas afectadas non queren ningún tipo de indemnización, por moi elevada que esta fora, senón que reclaman a súa reubicación.