Dinamizar o mercado laboral con apoios ao emprendemento e ao traballo autónomo é a aposta de Galicia en materia de emprego en 2023. Así, os emprendedores e os traballores autónomos serán dous dos eixos aos que a axenda do Goberno galego prestará atención con incentivos e acompañamento para a posta en marcha de iniciativas que pretenden situar no centro ás persoas, sacar partido ao seu talento e xerar riqueza vencellada co territorio.
Con este obxectivo a Xunta de Galicia deseñou uns orzamentos expansivos para a área de Promoción do Emprego e Igualdade que crecen máis dun 13% ata acadar os case 432 millóns de euros. Vinte de cada cen euros deste presuposto, destinaranse a apoiar o emprendemento e o traballo autónomo.
Galicia conta actualmente con 218.210 persoas traballadoras autónomas, incluídas ás que forman parte do réxime especial do mar. O colectivo representa o 20,8% do total das afiliacións á Seguridade Social segundo os últimos datos difundidos este mes de novembro. Trátase dun colectivo con amplo peso cuantitativo, pero tamén cualitativo ao que o Goberno galego quere prestar atención por se tratar da base da economía de moitas familias galegas.
Impacto Autónomo
Un novo programa denominado Impacto Autónomo inxectará 30 millóns de euros a este sector para axudar ás persoas traballadoras a facer fronte e minimizar o impacto que a suba de custos enerxéticos e das materias primas está a ter na súa actividade. As achegas directas, que se espera favorezan a uns 25.000 traballadores, suporán unha media de 1.200 euros por persoa beneficiaria.
De xeito paralelo, a Xunta de Galicia seguirá cos apoios ao inicio de actividade e para a consolidación e crecemento do emprego autónomo e para contribuír á súa consolidación. Intensificaranse os apoios ao colectivo, que disporá o ano que vén de case 57 millóns de euros en total.
Polos de emprendemento e apoio ao emprego
A nova Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego no organigrama da Xunta de Galicia consolidará, por outra banda, nos próximos meses, a coordinación de todos os recursos autonómicos na materia. Esta área estratéxica é a responsable de despregar a Rede de polos, que estará integrada, a remates de 2023, por 12 centros repartidos por toda a xeografía galega. Trátase de dar impulso efectivo á xeración de emprego de calidade e iniciativas emprendedoras vinculadas ao territorio.
Na actualidade os Polos Ourense Centro e Sur (en Verín), Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda) e Costa da Morte (Coristanco) xa traballan con iniciativas reais que están a poñer o foco nos sectores do turismo e o ocio, a alimentación, os servizos profesionais, o agro ou a fabricación de bens de consumo.
Todas estas medidas encaixan na estratexia integral de emprego Xempre Contigo que a comunidade está a desenvolver poñendo no centro das políticas ás persoas e aos sectores e empresas con maiores dificultades. No marco da mesma estase a traballar para que Galicia conte cun Servizo de Emprego máis accesible, próximo e dinámico para ofrecer novas oportunidades laborais para unha Galicia con maior cohesión e que faga do progreso económico a súa bandeira.