Acadar un total de 25.000 millóns anuais en exportacións por parte de 8.000 empresas galegas no vindeiro lustro. Este é o obxectivo da Xunta de Galicia coa implantación da súa Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025. A folla de ruta coa que o Goberno galego busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da comunidade ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
Sobre estes eixes, a Administración autonómica aspira a incrementar especialmente a presenza galega en países de fóra da Unión Europea. Así, a Estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% as exportacións ao Reino Unido.
O plan de acción inicial para acadar ditas metas ten, como primeiro paso no período 2021-2023, unha partida de máis de 70 millóns euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego tras a pandemia da Covid-19. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.
Innovación: complementar as Antenas do Igape
No primeiro caso, o relativo á innovación, complementará e potenciará o traballo feito ata o de agora a través das Antenas do Igape. Estas oficinas, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización, están abertas hoxe en día en Shanghái, Miami, Casablanca, Cidade de México, Lima e Londres -esta última coa denominada Oficina Brexit-.
Sobre esta base, o obxectivo é ter abertas en 2022 novas Antenas en Dubái e Tokio, explorando as posibilidades de Brasil e Corea do Sur a partir de 2023. A través da rede de Antenas, a previsión da Xunta é dar servizo a máis de 200 empresas en 2021 e chegar ás 1.000 no período 2021-2023.
Igualmente, o crecemento que se pretende tamén chegará da man da internacionalización dixital, fomentando que as compañías incorporen as canles dixitais para chegar a novos mercados. A meta é acadar as 1.000 empresas internacionalizadas dixitalmente no 2025, que se sumarían a outras 700 ás que se aspira a dar cobertura nas próximas edicións do Galicia Exporta Dixital, contando para todo cun orzamento de 24 millóns de euros ata o 2023.
Programa Emprende Global
O programa Emprende Global tamén se activará para facilitar a participación en feiras e encontros internacionais en materia de innovación e emprendemento. Neste sentido, prevense visitas a ecosistemas tecnolóxicos punteiros a nivel mundial, como o de Miami-Florida, Zhongguancun (Pekín), Silicon Wadi (Tel Aviv), Silicon Valley (California) ou o East London City (Londres). Ademais, fomentaranse o acceso ás licitacións internacionais cun servizo que permitirá ás empresas contar cunha plataforma que achegue información de contratación pública internacional e unha análise sobre a potencialidade do mercado da contratación pública en diferentes países.
Captación de talento internacional
A captación de talento internacional será o segundo eixe do plan de acción para o período 2021-2023. Neste caso, achegando ao tecido empresarial galego profesionais expertos na materia. Destinaranse 9 millóns de euros para continuar coas liñas destinadas aos bolseiros e aos xestores de internacionalización, na procura de conseguir 100 novos bolseiros e chegar a 140 empresas.
A Xunta de Galicia tamén activará o programa Fórmate Internacional, nova iniciativa de cualificación práctica e continua orientada á internacionalización. Neste marco, cómpre destacar tamén o programa ReAcciona covid-19, que incluirá dúas novas liñas de análise de mercados internacionais e elaboración de plans estratéxicos adaptados ao novo escenario.
Acompañamento en mercados
O terceiro piar pasa polo acompañamento nos mercados de destino, un campo no que a previsión de investimentos supera os 10 millóns de euros ata o 2023. A iniciativa permitirá continuar o traballo iniciado coas liñas Galicia Exporta ou cos programas desenvolvidos en colaboración coas Cámaras de Comercio, ao tempo que se impulsan plans sectoriais nas industrias vitivinícola e contract que facilitarán tanto a internacionalización das súas empresas como a cooperación entre os diferentes axentes.
No caso do viño, o plan intégrase na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que acaba de ser presentado e que persegue consolidar os viños galegos nos diferentes mercados e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.
Un labor que se complementa co do cuarto eixe, centrado na difusión de casos de éxito, para o que se porá en marcha o programa Igape Contigo, que informará sobre a propia Estratexia de Internacionalización, dando a coñecer ditos casos de éxito e escoitando ás empresas para afondar en novas necesidades.
O mellor ciclo exportador
A Xunta de Galicia aspira, a través desta Estratexia, manter e reforzar a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e da dixitalización. Un esforzo compartido que xa se vén levando a cabo e que ten permitido –segundo as últimas cifras de exportacións publicadas, relativas aos primeiros sete meses do ano–, acadar un crecemento do 23,3% con respecto ao mesmo período do ano pasado (xaneiro-xullo) e mesmo mellorar os datos anteriores á pandemia, sumando máis dun 5% máis que nos primeiros sete meses de 2019.
As exportacións galegas pecharían, de manterse este ritmo no que resta de 2021, por quinto exercicio consecutivo por riba dos 20.000 millóns de euros, consolidando así o mellor ciclo exportador da historia de Galicia.