O grupo municipal da Marea de Vigo anunciou este martes que defenderá no pleno deste mércores, no que se debaterá o proxecto de orzamentos para 2021, a necesidade de efectuar como prioridade un “investimento directo” na economía da cidade.
A formación instou ao Goberno de Abel Caballero a “escoitar ao Consello Social da cidade”, celebrado nos pasados días, onde representantes do tecido económico, social, veciñal e sindical insistiron na “necesidade” de achegar fondos directos á economía viguesa. Isto pasaría, entre outras cousas, por axudas ao comercio e á hostalería, que o Concello de Vigo negouse a dar ao considerar que non forman parte das súas competencias.
A semana pasada anunciáronse exencións fiscais cifradas en preto dun millón de euros, mentres outras cidades galegas como Santiago daban luz verde a subvencións valoradas en 8 millóns. Unhas partidas que si incluían entregas directas e non só indirectas.
O voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, anunciou que o seu grupo defenderá unha emenda á totalidade. Segundo argumentou, é unha “irresponsabilidade” manter “dous millóns de euros para concertos ou tres millóns para as liñas aéreas cando non hai garantía de cal vai ser a situación dentro de varios meses”. “Si que sabemos como vai estar a economía local a principios de ano e cales son os sectores que máis precisan de investimento urxente”, engadiu.
“Se nos recoñece a capacidade para que o Concello invista nas axudas directas en política social ou ao sector de comercio e a hostalería , tal e como solicitamos na nosa emenda, mais nesta ocasión admiten que non o van facer por unha cuestión política, é dicir, de vontade”, prosegue Pérez.
Outro dos problemas que aprecia Marea de Vigo nos orzamentos e, novamente, a falta de execución. “En novembro hai máis de 40 millóns de euros sen executar. Reafirmámonos na necesidade de volver a traer ao pleno un proxecto orzamentario diferente para o ano 2021, no que as prioridades estean postas na recuperación económica da cidade”, dixo.
Segundo revelou, “gran parte dos investimentos anunciados no ano 2020 xa non se van levar a cabo, e eses recursos pasarán novamente ao superávit e de ai aos remanentes”. “Isto xa non era aceptable sen crise da Covid-19, mais na situación actual é absolutamente irresponsable. Tendo opcións de axudar aos sectores máis prexudicados, este Goberno prefire persistir na falla de investimento e no xogo político de adxudicarlle á Xunta toda a responsabilidade”, matizou.
“Na liña dos pasados anos, o goberno de Abel Caballero estivo todo o ano enchendo os medios con anuncios de investimentos que nunca foron executados –afirmou o voceiro- como por exemplo coa cuestión da cubrición dos patios dos colexios públicos, que levan enchendo horas e páxinas dende hai anos e apenas se teñen executado”.