O grupo municipal da Marea de Vigo pediu este martes “contundencia” ao Goberno local ante as comisións “abusivas” que empezou a cobrar Abanca a aqueles clientes que non cumpran unha serie de requisitos económicos como ter un mínimo de ingresos, unha contía de aforro de 8.000 euros, un gasto anual de 2.000 euros en tarxetas ou seguros contratados, en función dos casos.
Estas obrigas provocan que as persoas con menos recursos sexan precisamente as máis prexudicadas. En moitos casos, xente que percibe subsidios ou a Risga viron este mes como desaparecía das súas contas correntes unha importante cantidade de diñeiro.
A formación considera que esta nova política da entidade financeira, que a semana pasada cargou en conta a moitos usuarios 50 euros de comisión de mantemento ou 28 euros pola tarxeta bancaria -cobros ademais que son periódicos-, supón un “abuso intolerable” que “debe ter resposta por parte das administracións públicas”. Por iso, o partido reclamou ao Concello de Vigo que protexa os intereses dos vigueses e tome medidas para que se devolvan os cartos.
Unha forma de facelo sería “supeditar” a colaboración coa entidade bancaria a que rectifique “o dano que está a facerlle a miles de familias viguesas”. “O Concello de Vigo ten dende hai anos unha estreita colaboración con Abanca, tanto na recadación administrativa, na apertura e operativa de numerosas contas municipais e o mesmo fondo de pensións de traballadores e traballadoras públicas”, afonda o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez.
Pérez lembra que esta entidade bancaria “deixou de estar asentada no territorio” e agora “funciona exclusivamente como un banco máis con sede en Venezuela e sen ningunha preocupación pola situación que centos de familias viguesas están a pasar”. “Hai que lembrar todo tipo de problemas e pegas que puxeron moitas oficinas da entidade para adiantar os importes dos ERTES ou facilitar créditos ICO sen produtos financeiros asociados”, engade.
Marea de Vigo considera que “hai que darlle un serio tirón de orellas á entidade”, que mesmo trasladou comisións de mantemento a contas contratadas no seu día como contas online precisamente para operar por interner sen comisións, o que “constitúe un abuso e un incumprimento contractual evidente”.