O grupo municipal da Marea de Vigo está elaborando un documento coas súas propostas para o vindeiro presuposto municipal de 2021, que presentará ao final desta semana, pero este mércores xa adiantou que vai propoñer que un de cada tres euros se destine ás parroquias.
O voceiro da formación, Rubén Pérez, puxo o foco nunha distribución por distritos dos orzamentos para o próximo exercicio. “As 18 parroquias do rural deben contar co orzamento adecuado tendo en conta ademais criterios como a idade da poboación, a mobilidade, o tráfico, etc. Un de cada 3 euros deste orzamento debe ir ao rural”.
Alén dos investimentos, Rubén Pérez tamén falou do capítulo 1, que versa sobre os gastos de persoal. “De xeito inmediato, debe darse unha verdadeira negociación do capítulo 1 entre o Goberno local e os sindicatos. O ano pasado quedaron sen executar máis de 6 millóns de euros dese capítulo, que poderían ser perfectamente aplicados en seguir contratando persoal con bolsas de emprego (ao non poder xerar prazas), impedindo así privatizacións como a do servizo do IMD”.
Pérez volveu incidir en que “desde a Marea de Vigo seguimos demandando o que xa trasladamos en reiteradas ocasións nesta e na pasada lexislatura: Vigo debe estar no século XXI do municipalismo e contar xa con mecanismos para uns orzamentos participativos. Debe contar unha partida orzamentaria no capítulo de investimentos cuxo destino sexa decidido pola veciñanza dos diferentes distritos da cidade”.
“Superando os 300 millóns de euros de orzamento, é unha irresponsabilidade que o Concello non se poña xa a traballar de maneira efectiva para que ese orzamento sexa facilmente executable”, explicou o voceiro. “Non podemos correr o risco de seguir coa dinámica destes últimos anos e poñer 300 millóns de euros nun orzamento e non ser capaces de executar nin o 50% dese capítulo de investimentos”, engadiu.
Igualmente, o voceiro insistiu no que se leva demandando desde a Marea de Vigo desde o inicio da pandemia en materia de axudas: “Hai gran parte das partidas deste ano 2020 que aínda se poden executar a través de modificacións orzamentarias ante a situación que estamos vivindo, en concreto 10 millóns de euros que insistimos en que sexan executados de inmediato para a axuda ao comercio e hostalería da nosa cidade”.
Do mesmo xeito, Pérez fixo unha breve valoración do aprobado onte no Congreso dos Deputados con respecto ao teito de gasto. “A aprobación definitiva da modificación do teito de gasto permitirá ás administracións locais chegar a unha cifra histórica de gasto, quedando demostrado que é posible o acceso aos remanentes de tesourería, que no caso de Vigo están na contorna de 70 ou 80 millóns de euros, máis ala dos fondos que se están negociando para o apoio aos concellos”, apuntou.