A federación de Industria da CIG convocou unha manifestación este xoves 25 de abril en Vigo contra a precariedade na automoción e en defensa do sector, que arrincará do polígono do Caramuxo ás 13:00 horas e rematará diante de Citroën. A mobilización fai parte da campaña que a central está a desenvolver «en resposta á crecente precarización dunha industria estratéxica para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense».
A CIG-Industria presentou recentemente un documento no que recolle as súas propostas para afrontar o futuro do sector galego do automóbil ante a transformación que está a experimentar e que foi elaborado a raíz do debate aberto cos delegados e traballadores do sector para analizar os retos que ameazan o futuro dunha industria que emprega a milleiros de persoas en Galiza.
Pola súa banda, os sindicatos CUT, CGT e CIG Clece convocaron aos traballadores de PSA a participar o próximo venres, 26 de abril, ás portas da factoría na concentración de 13:00 a 14:15 horas, e posterior manifestación que terá lugar dende as 14:15 horas ata o remate as 15 horas partindo da porta de PSA ate Castrelos.
A convocatoria está compartida con CGT limpeza, e CIG CLECE, empresa que xestiona a limpeza e residuos do centro, ante tamén «a falla de insalubridade da fabrica motivado polos continuos recortes na xestión desta empresa».
«No Grupo PSA en Vigo, as persoas traballadoras levamos anos de retrocesos tanto sexa no eido laboral, social, económico, e tamén no que respecta e para nós o mais alarmante: a saúde laboral. Na CUT iniciamos este mes de abril unha campaña de saúde laboral denunciando as cargas de traballo existentes na actualidade no Sistema 2 maioritariamente, sistema onde se esta fabricando a nova furgoneta K9», explica o sindicato CUT.