O pasado 27 de abril, en plena primeira vaga da pandemia, o alcalde de Vigo volvía anunciar que o Concello ía poñer en marcha unha plataforma web para a comercialización e distribución de produtos do pequeno e mediano comercio da cidade. Varios meses despois, en xullo, o rexedor reiteraba o anuncio facendo público que a plataforma tería como denominación ‘Merca en Vigo’. Con todo, durante todo este tempo nada se soubo sobre os traballos para a posta en marcha desta iniciativa.
Emporiso, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, interpelou ao Goberno municipal na última Comisión Informativa de Comercio do Concello, reclamando que se informase de cando estaba prevista a súa posta en funcionamento, sen obter resposta do executivo local.
Igrexas subliñou a importancia deste tipo de proxectos xa que a crise da Covid-19 sumouse aos efectos da dixitalización comercial na que grandes corporacións como Amazon están a desertizar o pequeno e mediano comercio local.
“Asistimos a un episodio máis da política aparencial e de propaganda do Goberno de Caballero. Todo ese proxecto quedou niso, nun anuncio en abril e nun titular en xullo, pero sen ningún tipo de avance concreto”, afirmou o portavoz municipal do BNG.
Por iso, insisten en demandar do executivo local que explique “que traballos se teñen realizado desde abril até hoxe, quen os está a realizar, a cargo de que partida orzamentaria, con que custe, e sobre todo e máis importante cando vai estar en marcha”.
“O sector comercial da cidade está atravesando un momento moi duro e difícil, e evitar que as persianas dos estabelecementos non baixen definitivamente vai requirir algo máis que de anuncios, titulares e boas palabras. Son necesarias medidas concretas, xestión e cumprir co que se promete”, remachou Igrexas.