O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de expresar as súas dúbidas a respecto da legalidade do novo Plan Especial de Reforma Interior (PERI) na contorna de San Andrés de Comesaña, aprobado este martes na Xerencia de Urbanismo cos votos de PSOE e PP. A fronte nacionalista denuncia que esta modificación urbanística, supostamente industrial, responde en realidade aos intereses dunha empresa privada e vai en contra do previsto no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, solicitou que se retirara este asunto da orde do día na Xerencia de Urbanismo até resolver as numerosas dúbidas que rodean o proxecto, en especial sobre o seu encaixe na normativa urbanística e na legalidade vixentes. Entre elas, destacou o aumento dos usos comerciais da parcela, até o 49% do terreo, cando a pretensión coa que se tramitou o PERI apuntaba a fines industriais.
Igrexas sinalou tamén as contradicións dos informes municipais sobre a fórmula empregada para materializar o cambio urbanístico. Un PERI que, aclarou o edil nacionalista, foi promovido por unha empresa privada que figura como liquidada no Rexistro Mercantil, após ser absorbida por unha compañía de Asturias. “Estamos diante do enésimo exemplo do urbanismo á carta”, recriminou.
Desde a fronte nacionalista cualificaron de inexplicable que esta modificación no ámbito de Comesaña vaia en contra do recollido no novo PXOM, aprobado inicialmente en agosto do ano pasado. “O mesmo Goberno municipal que aplica de maneira absolutamente intrasixente as normas urbanísticas en contra da veciñanza do común, insiste en dar barra libre en favor dos intereses de grandes empresas privadas”, afeou Igrexas.
Neste sentido, o concelleiro do Bloque lamentou a falla de transparencia e de respostas clarificadoras por parte do Goberno local, así como a ausencia de razóns obxectivas no proxecto que o xustifiquen. “O BNG non concordamos con este urbanismo a parches e elaborado en función de quen está detrás de cada proxecto e non ao servizo dos intereses xerais da cidade”, defendeu o edil nacionalista.
Moción plenaria
De cara ao pleno ordinario de xuño, previsto para este mércores 29, a fronte nacionalista formulará unha moción que esixe que tanto o Concello de Vigo como a Xunta de Galiza interveñan para garantir a actualización dos salarios do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O concelleiro do BNG denunciou a negativa de Servisar, empresa do grupo DomusVi que xestiona o servizo na cidade, a aplicar a suba salarial recollida no convenio colectivo.
Por este motivo, Igrexas chamou a todos os grupos da Corporación local a un acordo unánime en defensa das condicións laborais das centos de traballadoras deste servizo esencial na atención das persoas maiores e dependentes. “A Xunta e o Concello de Vigo, como cotitulares do servizo, non poden ollar para outro lado ante a imposición desta evidente perda de poder adquisitivo”, salientou.