Diante da polémica aberta entre Xunta de Galicia e Concello de Vigo a respecto do proxecto de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), destinada a alargar a capacidade de Conxemar, o BNG vén de reclamar a ambas as administracións que actuén con «responsabilidade» e cooperen para permitir que se poida materializar con éxito.
O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, anunciou que levará esta cuestión á Xerencia Municipal de Urbanismo da semana próxima e que darán traslado tamén ao Parlamento galego. «Non podemos permitir que a lea partidista entre Feijóo e Caballero frustre un proxecto tan necesario e urxente para Vigo como a ampliación do Ifevi», advertiu Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista subliñou a importancia de Conxemar que xa se demostrou «un verdadeiro tractor e dinamizador dun sector estratéxico para Vigo, a súa comarca e o conxunto de Galicia», lembrando que o sector representa 8 mil millóns de euros de facturación anual e 15 mil postos de traballo. «Conxemar é un evento de referencia e o BNG apostamos por seguir a potencialo», resumiu.
Igrexas lamentou que PP e PSOE teñan convertido o proxecto de ampliación do instituto feiral nun novo obxecto de disputa malia que se trata dunha iniciativa que conta co apoio de todas as forzas políticas. «É intolerábel que esta cuestión se converta nun asunto da longa precampaña electoral con rumbo ás eleccións galegas», advirte.
Co obxectivo de «deitar luz e poñer claras as cousas», o BNG preguntará sobre a situación deste proxecto na próxima xuntanza do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, prevista para o vindeiro mércores. Aliás, Igrexas tamén manifestou a súa intención de darlle traslado ao Parlamento galego, a través do grupo parlamentar do BNG. «Xunta e Concello teñen que explicar que é o que pasa», reclama.
Fórmula legal
Igrexas amosou tamén a súa «sorpresa e decepción» porque a estas alturas o debate se teña volto situar en relación a cal vai ser a fórmula legal que permitirá dar encaixe urbanístico a esta ampliación.
«Non pode ser que uns por outros e Conxemar na corda frouxa. Que deixen de xogar cos intereses de Vigo como arma electoral. Xunta e Concello o que teñen é que poñerse a traballar e cooperaren para facer realidade a ampliación do IFEVI», sentenciou.