O Bloque Nacionalista Galego rexeita a suba xeral dun 4% nos impostos e taxas municipais anunciada polo Goberno local de Vigo para o ano 2024. A fronte nacionalista considera que non hai xustificación económica nin financeira que motive este aumento nun contexto de agravamento da crise, cando o Concello conta con “remanentes récord” e deixa cada ano sen gastar 4 de cada 10 euros dos orzamentos.
“O BNG demandamos avanzar cara a unha fiscalidade xusta socialmente, e polo tanto progresiva e equidistributiva”, subliñou este martes o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “demagóxicos” os discursos dos grupos do PSOE e do PP a este respecto. “A chave na definición dos impostos é quen os paga e canto paga”, defendeu para argumentar a negativa do Bloque tanto a subas de carácter xeral como a rebaixas universais.
Igrexas anunciou que o Bloque prepara xa emendas á proposta de revisión das ordenanzas fiscais do vindeiro ano co obxectivo de que “que as persoas e familias con menos recursos paguen menos”. Para avanzar nese camiño, as nacionalistas apostan por alargar o uso de mecanismos como as bonificacións e as exencións, tendo en conta o poder adquisitivo.
O voceiro do BNG lamentou que no actual contexto de agravamento da crise, derivado dunha “brutal” carestía dos prezos, o Goberno municipal decida aplicar esta suba xeral e lineal. “O único que van lograr é seguir avanzando no empobrecemento da maioría social”, advertiu Igrexas, de vez que cuestionou os argumentos do concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, quen asegurou que esta decisión se xustifica polo incremento dos salarios e as pensións.
Perda adquisitiva e remanentes “récord”
Dende a fronte nacionalista afearon que os propios datos económicos do Concello refutan as razóns do Goberno local para esta suba. Así, as persoas empregadas na cidade con salarios superiores ao Salario Mínimo Interprofesional perderon case un 7% de poder adquisitivo e as pensionistas máis dun 3%. E mentres o incremento da inflación superou un 15% de promedio (moito maior no caso de produtos básicos como a alimentación), o aumento salarial medio dos convenios foi de apenas o 8,7%.
“É posíbel que para o alcalde, Abel Caballero, cun salario anual por encima dos 75 mil euros, ou para os membros do Goberno con retribucións de máis de 65 mil, o aumento das taxas dun 4% poida parecerlles un asunto menor, pero para moitos fogares nos que cada día 15 xa é final de mes, nunha cidade con máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza, cada euro conta”, afeou Igrexas.
O portavoz nacionalista insistiu en que non existe xustificación económica nin financeira que motive este incremento. Máis tendo en conta, asegurou, que o Concello conta con “remanentes récord” que equivalen case ao orzamento ordinario dun ano enteiro do Concello. Ou pola “permanente” falta de execución orzamentaria, con 152 millóns de euros sen gastar no pasado ano, e que cada exercicio supón deixar na caixa 4 de cada 10 euros dos orzamentos.