O Bloque Nacionalista Galego mantivo este martes un encontro cos responsábeis das seccións sindicais da CIG e CUT na factoría de PSA en Vigo, Manuel Domínguez e Vitor Mariño, respectivamente. Na xuntanza, na que participaron pola fronte nacionalista o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e por medios telemáticos a parlamentaria Carmela González abordouse a situación actual na empresa despois da desescalada.
A representación sindical denunciou que a aplicación das medidas preventivas están a supoñer a redución do tempo efectivo de descanso durante a xornada, dado que dentro das pausas fisiolóxicas dedicadas a acudir ao servizo, beber, alimentarse ou refrescarse, teñen que incorporar tamén tarefas de desinfección e padecen as restricións por aforo no acceso a espazos como os aseos. Ademais, trasladaron a súa queixa pola non adecuación das cargas e ritmos de traballo a esta nova realidade e a falla de transparencia, por parte da dirección do centro, no relativo aos casos positivos por Covid-19 entre o persoal.
«Non é aceptábel que PSA pretenda atinxir producións de recordo a costa de limitar a eficacia das medidas preventivas e reducindo o tempo de descanso, que xa é o mínimo legal. Tampouco é razoábel que neste contexto non se teñan reducido as cargas de traballo e que se estea a traballar con igual ou maior ritmo que antes da pandemia», afirmou Carmela González.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, lembrou que PSA «remoloneou á hora de reaccionar diante da pandemia xa na primeira onda», sinalando que a factoría viguesa foi a última de todo o Estado en paralizar a produción o pasado mes de marzo, e fíxoo obrigada pola enorme presión sindical, social e institucional.
Outro dos asuntos abordados foi o do elevado nivel de precariedade laboral que se padece na factoría de Balaídos, onde segundo os sindicatos non se asina un contrato de xornada completa desde hai moitos anos.
«Non se pode seguir subvencionando a precariedade laboral. PSA é unha das empresas que maiores subvencións, directas e indirectas, recibe das administracións públicas, e iso non é compatíbel con que máis do 60% do seu persoal estea empregado a tempo parcial, con contratos de 4h pero que esixen na práctica dispoñibilidade completa e con salarios de miseria», advertiu Igrexas.
Ao Parlamento
O Bloque denunciará esta «problemática laboral» no Parlamento de Galiza a través dunha batería de iniciativas. Con elas procurarán que a Xunta, en tato que autoridade laboral, actúe vixiando o cumprimento das medidas preventivas, a adecuada xestión dos casos de contaxio e o estrito respecto aos tempos de descanso. Tamén esixirán que toda axuda pública se condicione non só ao mantemento e creación de postos de traballo senón á calidade do emprego, para reverter a elevada precariedade.
«Demandaremos explicacións á Xunta e instaremos o Goberno galego a deixar de ollar a outro lado diante desta situación nun centro de traballo tan importante como PSA», resumiu González.