Unhas 90 pemes e microempresas galegas teñen ao seu alcance este mes de abril axudas para introducir as vantaxes de innovación en procesos, organización, produtos e servizos. Trátase de dúas novas convocatorias, InnovaPeme e DeseñaPeme, a través das cales a Xunta de Galicia investirá 4,6 millóns de euros para mobilizar un total de 8,6 millóns.
Ambos os dous programas, de concorrencia competitiva, forman parte do conxunto de axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para acompañar ás pequenas e medianas empresas. O obxectivo é a mellora da competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, poñendo o foco nas empresas de menor tamaño e con máis dificultades para emprender este camiño.
InnovaPeme
Esta será a quinta edición de InnovaPeme, unha liña de axudas destinadas a incrementar as capacidades e actividades en plans de innovación en empresas con pouca ou nula experiencia neste eido. Cun orzamento de 2,8M€ permitirá ás beneficiarias poñer en marcha proxectos innovadores en procesos e organización, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.
É de concorrencia competitiva e prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas. Deste xeito, o que se pretende é contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pemes galegas co resto de axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación.
DeseñaPeme
A segunda canle de axudas á innovación é DeseñaPeme, que tamén se publica no mes de abril cunha nova edición, a segunda, co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico.
Nesta ocasión o obxectivo é apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. As axudas, de concorrencia competitiva, contan cun orzamento de 1,5M€, valoran a xeración de deseños sustentables e outorgan apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.
Outras liñas de axudas
As dúas convocatorias chegan a través da Axencia Galega de Innovación e forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes. É ocaso dos préstamos IFI Innova -cuxo prazo está aberto cun orzamento de 2,5M€-; o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza -que promoverá desde a Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), a comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadores- ou os bonos de innovación que tamén se activarán este ano.
Máis de 800 postos de traballo
Grazas á posta en marcha en 2017 de InnovaPeme, xa se apoiaron 160 pemes cun orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización de 26,6, co mantemento de 767 postos de traballo en eidos como as TIC, a enxeñaría ou o sector agroalimentario. DeseñaPeme, pola súa banda, investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns e fixeron posible a creación e mantemento de 86 contratos.