A presidenta do comité de empresa, María Xesús Neira, da CIG, compareceu ante os medios de comunicación acompañada de varios compañeiros -entre eles outro dos folguistas de fame- a pesar de que o xexún prolongado xa comeza a facerse notar no seu estado físico e anímico para anunciar que denunciarán na Fiscalía, no Xulgado e na Inspección de Traballo as presións que está a exercer a dirección co obxectivo de que abandonen unha protesta laboral que hoxe cumpre o seu sétimo día.
Segundo indicou, estas presións inclúen unha orde por escrito da dirección ao servizo de seguridade para que acendan e apaguen as luces da zona onde dormen cada media hora durante toda a noite. Deste xeito, á debilidade por falta de alimentación súmase a imposibilidade de descansar, o que está a poñer en risco a saúde das tres traballadores. «Facemos responsábeis á empresa, ao Sergas e á Xunta do que nos poida acontecer, porque seguen a mirar cara ao outro lado».
Durante a súa intervención Neira reiterou que non abandonarán a folga até que Povisa non dea marcha atrás aos 13 despedimentos «e cambie a situación que padecemos dende hai seis anos, con despidos constantes, reducións de xornada e de salarios, presións e ameazas». E iso a pesar de que o estado de saúde dos tres membros do comité que o pasado martes iniciaron a protesta comeza xa a empeorar. De feito, neste tempo perderon xa de 7 a 9 quilos de peso cada un deles.
Novo folguista de fame e outra mobilización
Durante a comparecencia diante dos medios, dende o comité tamén anunciaron a incorporación á folga de fame de Alejandro Villar, un dos celadores despedidos. O afectado xa pasou a noite no interior do hospital e comezou o xexún ás 10.00 horas deste luns, xunto un día despois de que se fixesen efectivas as rescisións de contrato. Villar quixo agradecer o compromiso das tres compañeiras/os do comité entregándolles un agasallo.