Numerosas localidades do sur da provincia de Pontevedra veranse prexudicadas se se constata o peche da firma galega, que emprega na actualidade a 249 traballadores. Ademais das cinco citadas, que concentran a maior cantidade de empregados -51 en Salvaterra, 38 no Porriño, 36 en Vigo, 32 en Ponteareas e 31 en Mos-, a desaparición deixaría sen posto de traballo a un importante número de persoas en Tui (16), Salceda (13), As Neves (6), Redondela (6) e Tomiño (6). Trátase en todos os casos de empregos directos, polo que a cifra de indirectos sería aínda maior.
“Non sabemos cal pode ser a axenda do conselleiro de Industria para que neste tempo non fixese nada para salvar unha das compañías máis importantes do sur da provincia de Pontevedra, e da que dependen centos de familias”, denuncian desde a CIG.
Ademais, o pasado 28 de decembro a representación do cadro de persoal mantivo xuntanzas con todos os grupos políticos con representación no Parlamento e co Igape para demandarlles un compromiso político co futuro da firma.
Neste senso, reclámanlle aos Concellos afectados nos que goberna o PP “que dean un paso adiante en defensa do emprego en Maderas Iglesias”. O comité, pola súa banda, reiterará por escrito a petición para que a Xunta interveña.
Lembran que cada vez queda menos tempo para buscar unha solución que evite o peche da empresa, xa que o vindeiro venres 12 terá lugar a primeira xuntanza para negociar o ERE extintivo que afectará a 140 traballadores.
“Non entendemos a inoperancia da Consellería a catro días de que se produza unha reunión da que depende en boa medida o futuro da empresa e o de centos de familias”, sinala o sindicato.