A FGAMT-CIG vén de esixir o mantemento de todos os postos de traballo en Gefco, compañía con instalacións en Vigo e encargada da loxística das fábricas do grupo Stellantis (antiga PSA Citroën), ante as informacións que apuntan á venda da compañía de capital franco-ruso. O comité de empresa reclama unha xuntanza coa dirección para coñecer os detalles do proceso feito público polos medios de comunicación.
A representación sindical de Gefco tivo coñecemento dos plans de venda a través dunha exclusiva publicada pola axencia Reuters en Alemaña o pasado mércores 23, polo que dende a central sindical denuncian o feito de que os traballadores teñan que coñecer polos medios de comunicación unha decisión de tanta importancia para o seu futuro laboral.
Ao mesmo tempo, critican que a empresa non accedese aínda reunirse coa representación sindical para informar sobre os detalles do proceso a pesar de que o comité lle solicitou por escrito a celebración dunha xuntanza. “Limitáronse a contestar que estarán pendentes das novas que vaian aparecendo a este respecto”, critican dende a representación da CIG en Gefco. En consecuencia, os delegados/as da central sindical na empresa tamén se dirixiron aos responsábeis da compañía para confirmar se se negaban a manter o encontro. “Dixeron que non se negan, pero tampouco accederon a reunirse, e reiteraron que seguirán pendentes das novas”.
Por iso dende a central sindical reclaman publicamente que a dirección explique o que vai acontecer cos máis de 190 empregos existentes na actualidade, ao que hai que sumar os máis de 300 vinculados a ETT. “O comité de empresa europeo tamén solicitou información sobre as novas publicadas en prensa, mais a dirección respondeu que non ten comentarios que facer ao respecto”.
Esta falta de información por parte de Gefco é práctica habitual da compañía, tal e como confirman dende CIG. “Non informan de nada, sobre todo co que ten que ver coas contas da empresa e co volume de emprego, a pesar de que presentamos varias denuncias diante da Inspección de Traballo, que lle chegou a impor tres sancións por faltas graves”.
Gefco é unha compañía dedicada á loxística propiedade ao 75% da empresa ferroviaria rusa RZD e ao 25% do grupo de automoción Stellantis. Segundo as informacións publicadas, o proceso de venda está a ser xestionado pola financeira JP Morgan e pola banca Rothschild, que agardan pechar a operación por máis de 2.000 millóns de euros.