O comité de empresa do Hospital Povisa de Vigo anunciou este mércores a súa intención de convocar mobilizacións no caso de que non se produzan avances na próxima xuntanza de negociación do convenio colectivo, prevista para o vindeiro xoves 3 de febreiro.
Dende a representación sindical lembran que o cadro de persoal do centro médico privado leva once anos sen suba de soldos e co acordo laboral caducado a pesar do cambio de dirección.
Esta situación provocou numerosos conflitos coa anterior propiedade do hospital, “e os traballadores seguimos coa mesma situación laboral en precario dende que Ribera Salud adquiriu Povisa en 2019”.
As posturas, segundo indica a CIG, están aínda moi afastadas a pesar de que transcorreu xa un ano dende que comezaron as conversas. “Todo isto, sumado aos dous anos de pandemia, na que todo o persoal demostrou o seu compromiso, implicación e sacrificio, fai que sexa necesario que as nosas condicións laborais melloren”.