O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, desenvolveu este venres as primeiras mobilizacións da campaña de protestas que vén de poñer en marcha para denunciar os “incumprimentos da empresa e do Goberno local” a respecto da colocación de baños e mamparas, da aplicación do ERTE e das tarxetas moedeiro, así como en cuestións relativas á contratación e seguridade e hixiene nos autobuses e no taller.
As concentracións tiveron lugar diante do Concello de 10:00 a 11:30 horas, para continuar posteriormente ás portas da empresa, na estrada de Camposancos, de 12:30 a 14:00 horas. Dende a representación do cadro de persoal explican que con estas protestas queren denunciar da falta de resposta da dirección da empresa e dos responsables municipais ás súas reiteradas demandas.
En concreto, ao Concello veñen solicitándolle dende hai tempo que non retire os baños hixiénicos instalados para o persoal de condución e que se aumenten nas liñas que non contan con este servizo nas cabeceiras. Neste senso, emprazan o Goberno local a que manteña estes baños até que permita a instalación duns definitivos, “xa que pola contra volverémonos a atopar sen baños para poder facer as nosas necesidades”.
No que respecta ás tarxetas moedeiro, e ante a boa acollida que tivo esta iniciativa posta en marcha durante a pandemia do novo coronavirus, ínstano a facilitar a súa adquisición por parte de todos os viaxeiros, ampliando a súa venda a quioscos, estancos, puntos de chegada de viaxeiros, etc.
E no que ten que ver co ERTE, lembran que ao inicio do estado de alarma o alcalde comunicou que ía blindar o salario dos traballadores das concesionarias, “polo que nos gustaría saber se a millonaria indemnización que anunciou que tería que abonarlle a Vitrasa garantirá que o persoal de condución poida recuperar a importante perda salarial sufrida durante o ERTE”.
Todas estas demandas fóronlle trasladadas ao Concello polo comité en varias ocasións, sendo a última o pasado 29 de abril, sen que polo de agora os responsables municipais se teñan pronunciado ao respecto. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, declarou este venres en rolda de prensa que el entender que o conflito cínguese ao ámbito laboral e, polo tanto, o persoal debe negociar exclusivamente coa empresa.
Elevada eventualidade
Pola súa banda, á empresa solicítanlle a instalación da mamparas para protexer o persoal de condución e ás persoas viaxeiras de posíbeis ante a volta inminente da cobranza en efectivo, “xa que as que está a instalar a empresa na actualidade son inservíbeis para tal fin co único obxectivo de minimizar custos”. De feito, a partir de agora vaise permitir de novo o acceso pola parte dianteira do autobús, onde haberá dispensadores de hidroxel.
A respecto do réxime de xornada, sinalan que debido á volta á normalidade e ao aumento de tráfico e viaxeiros os horarios dalgunhas liñas non teñen descanso real para os condutores durante a súa xornada de traballo, polo que reclaman a adopción de medidas ao respecto.
Outra cuestión que pretenden solucionar coa empresa é a elevada eventualidade, tendo en conta que a pesar das últimas conversións de contratos temporais a indefinidos continúa habendo un número indeterminado de postos de traballo fixos cubertos por persoal eventual.
No que ten que ver coa seguridade e a hixiene nos autobuses denuncian que teñen detectado unha deficiente limpeza e desinfección dos vehículos, tanto no posto do condutor como no dos viaxeiros.
Ademais, pídenlle á empresa que mellore a calidade dos EPI que lles entrega ao persoal de taller, especialmente o calzado, e que proporcione as ferramentas e útiles necesarios para facilitar a realización de traballos en taller, “porque até o momento non os está a facilitar”.
Finalmente, censuran que os traballadores da quenda son obrigados a asumir responsabilidades e traballos que non corresponden coa súa categoría “e non se lles compensa axeitadamente”.