Xabier Aboi, da CIG-Mar, salientou que os traballadores do sector, con peso maioritario en Galicia e cun 80% de mulleres, está inmerso nun proceso de debate e mobilización que contempla asembleas e protestas.
Insiste en que o convenio estatal de produtos elaborados do mar, que expirou en 2015, é “o peor de todo o ámbito da alimentación”. Unha das metas que se marcan é a do aumento salarial, xa que aseguran que desde 2010 perderon poder adquisitivo “ao non acadar sequera o incremento do IPC, empobrecendo unhas nóminas propias de man de obra barata que en moitos casos non chegan a mileuristas”.
No relativo á recuperación de dereitos esixen limitar o traballo temporal e evitar a implantación de “novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas”. Denuncian casos de centros de traballo nos que hai tres veces máis traballadores de ETT que contratados pola empresa principal, ou industrias onde operan ata tres ETTs diferentes.
Alén diso, lembran as condicións duras de traballo no sector, que ten lugar en ambientes moi húmidos e fríos, a velocidades de vertixe. É por iso que se reivindica un plus de refrixeración, así como outros pluses para traballos especiais.
A CIG-Mar continúa a reivindicar, pola súa banda, a necesidade estratéxica de contar cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galicia e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.