O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este mércores a incorporación de 45,8 millóns de euros de remanentes ao orzamento municipal “para seguir construíndo cidade”. Así comezou o edil de Facenda, Jaime Aneiros, a súa intervención na que subliñou a incorporación destes millóns para “seguir facendo o Vigo do século XXI”.
Tanto os 45,8 millóns aprobados de xeito definitivo, e os dous millóns para a aprobación inicial para a modificación de crédito da Xerencia de Urbanismo, foron aprobados cos votos favorables do Grupo Socialista. O edil manifestou que os cartos “servirán para inversións, servizos como o financiamento das escolas infantís, formación, accesos aos colexios, cubrición dos patios dos colexios ou maior partida para as becas de inglés, entre outras accións”.
Aneiros deu conta dos informes definitivos de control financeiro, os resultados do control interno, a memoria do Tribunal Económico-Administrativo do ano 2021 e o marco orzamentario 2023-2025. Dixo “estar traballando no Orzamento de 2023 e cun horizonte 2023-2025 xa que a estabilidade económica e política en Vigo permite traballar a medio prazo na acción do Goberno”.
Na oposición, os populares criticaron “o deficiente control interno de gastos, a voracidade recadatoria e a imposibilidade estrutural de inexecución da recadación”; o voceiro do Grupo Mixto, Rubén Pérez, lamentou o uso dos cartos “sen criterio”. Pola súa banda, o edil non adscrito referiuse aos contratos menores: “Hai un abuso deste sistema para evitar a licitación”.
O responsable de Facenda replicou á oposición “seguir no relato da apocalipse” e subliñou que o modelo da cidade “é referente coa presión fiscal máis baixa de Galicia, débeda cero, pago a provedores en torno a unha semana e unha situación económica boa”. En canto á apreciación dos contratos menores expuxo algúns exemplos de obras menores para as que a administración utiliza este tipo de contratación, e invitou á oposición a ler o informe de intervención: “De 200 millóns, só 7 se dedican a contratos menores”, apuntou.
Aneiros concluíu que hai 100 millóns en execución para a transformación da cidade: “É unha política de creación de emprego, de execución, da construción do Vigo do século XXI que crea actividade económica e produce un retorno na cidade e os cidadáns e cidadás”.
Rede de Moi Alta Tensión
Na sesión ordinaria deste mes de marzo, Vigo solicitou “atender as necesidades de subministro da industria” do automóbil da cidade cun acordo adoptado este mércores que inclúe tamén solicitar unha mellora e ampliación do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) da automoción, aprobado polo Goberno de España.
A moción foi presentada polo grupo municipal do Partido Popular e foi aprobada cos seus catro votos e a abstención do resto dos partidos políticos con representación. O texto, centrado na industria viguesa do vehículo, reivindica accións do Goberno de España no subministro eléctrico e no Perte recentemente validado.
En primeiro lugar, se demanda do Estado que inclúa na planificación de Rede Eléctrica de España 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de Moi Alta Tensión (que si estaba recollida no proxecto 2015-2020) e a construción dunha nova subestación no polígono de Balaídos. O texto considera “inxustificada” unha decisión que deixa a Balaídos “sen as infraestruturas de conexión eléctricas necesarias para certificar o seu presente e futuro”.
No relativo ao Perte, a moción valora que o proxecto non é o que necesita o sector e remite ás valoracións da Asemblea Xeral do Clúster da Automoción Galega, que, segundo cita, ve “insuficientes” os fondos asignados, con “intensidades de axuda inferiores ás necesarias” e requisitos “bastante restritivos” con prazos que “deixan fóra a parte das accións necesarias”.