O 100% do cadro de persoal de Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo, secundou este luns a primeira xornada da folga indefinida, segundo informou a CIG. O paro foi convocado para rexeitar os incumprimentos da compañía, que vulnera o prego de condicións do concurso e o convenio colectivo, ademais de negarse a negociar un novo acordo laboral que garanta unhas condicións económicas e sociais dignas, explicou a organización sindical nun comunicado.
Dende o comité de empresa (tres representantes da CIG, un de CCOO e un da UGT) anunciaron que denunciarán os servizos mínimos diante da Inspección de Traballo porque impiden o dereito de folga ao incluír a dúas delegadas do comité de folga. Tamén inclúen as mesmas traballadoras en lugar de establecer rotacións e cambian a persoal dos seus centros de traballo. Ademais, a representación sindical critica o “descontrol total” co que foron feitos, até o punto de que se fixan servizos mínimos toda a mañá no zoolóxico e non por exemplo na Policía local ou nos Bombeiros.
Ao mesmo tempo, censuran que nin a empresa nin o Concello se puxeron en contacto coas traballadoras para consensuar nin a súa elaboración nin a relación de persoas que os integran. “Os responsables municipais tampouco queren manter unha xuntanza para abordar unha solución ao conflito laboral”, lamentan.
En consecuencia, ao igual que fixeron este luns, as empregadas de Acciona desenvolverán concentracións diarias diante do Concello de 9:30 a 12.00 horas para amosar o seu rexeitamento aos incumprimentos da compañía a respecto do prego de condicións no que ten que ver coas horas de traballo, xa que na actualidade existe un déficit de 150 horas semanais, “o que provoca unha sobrecarga de traballo, sen que a empresa contrate máis persoal para facerlle fronte”.
No que ten que ver co convenio colectivo detallan que Urbaser non respecta as melloras sociais e económicas pactadas dende hai anos. “Fai traslados de persoal dun centro a outro e non substitúe as traballadoras/es que marchan da empresa, cando ten que facelo con empregadas/os que non están a xornada completa”.
Lembran que a representación sindical e a dirección da empresa levan dende 2020 negociando un novo convenio, “pero neste tempo presentaron ofertas económicas e sociais que non se achegan ao que nós propoñemos”. O incremento salarial que pretende Urbaser é insuficiente a pesar de que o persoal leva dende 2019 sen suba salarial, explica a CIG. “Con todo, queren incremento cero para 2020 e 2021”, indican desde o comité de empresa. Outra das pretensións do cadro de persoal é que a compañía complete a cuarta paga, que nestes momentos é a metade do resto de pagas.
Outra cuestión na que non hai acordo é a redución de xornada, “aspecto moi importante para nós tendo en conta que se trata dun sector altamente precarizado e feminizado (máis do 90% do cadro de persoal son mulleres), por non falar de que máis da metade teñen contratos a tempo parcial”. Isto tradúcese nunha gran diferenza salarial con respecto ás persoas que están a xornada completa. “Reclamamos que se reduza de 36,5 horas a 35 porque suporía que o persoal a tempo parcial vise incrementado o seu salario, ademais de favorecer a creación de emprego”.
Finalmente, critican que a pesar de que a representación sindical solicitou en máis de 15 ocasións poder manter unha xuntanza co concelleiro responsable do servizo “non tivo nin a delicadeza de contestarnos; volvemos reclamarllo recentemente pero negouse”.