Conde salientou que todos os axentes teñen que blindar a competitividade que levou a Galicia a lograr a adxudicación. «Soubemos demostrar como xuntos podemos alcanzar retos realmente esixentes», afirmou, sinalando que hai que «seguir traballando para que o proxecto teña o maior contido galego posible».
O conselleiro, que agradeceu a PSA a confianza que trasladou á planta viguesa, e felicitou ao cadro de persoal, sinalou que «a adxudicación é unha noticia de enorme impacto, non só económico senón tamén social e laboral, subliñando que Vigo fabricará durante os próximos 10 anos ata 2,5 millóns de vehículos».
Mellora do rendemento
Segundo informou a Xunta, Conde apuntou que a factoría de Vigo e o sector da automoción galego «teñen demostrado ser os máis competitivos e os máis preparados», e que o proxecto «é un recoñecemento ao traballo dos últimos anos. Sinalou así mesmo que a planta ten que seguir mellorando o seu rendemento, a través da aposta pola innovación, a mellora continua dos procesos e a mellora tecnolóxica das instalacións».
Do mesmo xeito, indicou que «os provedores deben reforzar a súa posición para que a industria de compoñentes galega consiga fabricar o maior número de pezas posible para o novo modelo, e o CTAG ten que seguir traballando para achegar valor engadido e innovación galega». Para iso, seguirán «contando co apoio da Xunta», sinalou o conselleiro, quen destacou tamén o traballo tanto do Porto de Vigo como da Zona Franca.
O conselleiro remarcou que estas liñas de traballo se enmarcan na «política industrial da Xunta, a través da RIS3 no relativo á innovación, como a través da Axenda da Competitividade Industrial de Galicia, no tocante aos desenvolvementos industriais, nas que a automoción galega está chamada a ser un claro reflexo de cara onde queremos camiñar».