O comité de BorgWarner (dedicada á fabricación de compoñentes do automóbil) anunciou este martes o calendario de mobilizacións que ten previsto realizar en contra do ERE presentado pola empresa para despedir a 103 traballadores da planta de Zamáns (Vigo). O comité ten convocada folga indefinida a partir do próximo luns, día 13, tanto no centro de Vigo como no de Nigrán e levará a cabo unha rolda de contactos coas administracións e as diferentes forzas políticas para reclamar o seu apoio á loita contra esta desfeita laboral. Pola súa banda, a empresa lamenta nun comunicado que o comité convoque a folga «sin haber mantenido ninguna reunión con la dirección y sin plantear ninguna propuesta, desde la apertura
del periodo de consultas el pasado viernes».
A dirección da empresa alega causas produtivas para xustificar o ERE debido á diminución dos proxectos e volumes de vendas dos Coolers EGR e á caída do mercado diésel. «La compañía no entiende porque los sindicatos se han desentendido del plan de acompañamiento social que se les ha puesto sobre la mesa. Este plan contempla diferentes medidas para minimizar el impacto de un ERE inevitable», asegura a compañía.
En cambio o comité de traballadores apunta que «a fábrica de Vigo está sendo desposuída de novos proxectos, pero a fábrica de Viana do Castelo (Portugal) a tan só 70 km de distancia, foi medrando en número de proxectos e na contratación de novos traballadores e traballadoras, até chegar a máis de 1000 empregados en 2019». Neste tempo, subliñou o presidente do comité, Luis Lobato (CIG), na planta BorgWarner de Vigo o persoal eventual foi diminuíndo «e só quedaron as traballadoras e os traballadores indefinidos». Así apuntou que no ano 2017 a factoría contaba de media con 614 traballadores/as mentres que a día de hoxe hai 477 persoas. Para a representación do persoal detrás deste ERE está «a progresiva recolocación da fábrica de Vigo e incluso o futuro peche, buscando a maior marxe de beneficio posíbel».
A empresa ten un ERTE de forza maior vixente
Lobato lembrou que a empresa se acolleu a un ERTE de forza maior motivado pola Covid-19 «que continúa vixente, sendo estendido pola dirección da empresa e pudendo prorrogarse até o 30 de setembro de 2020». Porén, na véspera do comezar o período vacacional, «a dirección aproveitou para comunicar, con data 25 de xuño, o inicio do período de consultas do ERE de extinción». Desde BorgWarner aseguran que manteñen a voluntade de diálogo para «llegar a un consenso que beneficie a ambas partes sin que se ponga en riesgo la competitividad y el futuro de la empresa a medio y largo plazo».
Para a representación do persoal o expediente de extinción é incompatíbel co ERTE de forza maior vixente, polo que reclamaron das Administracións públicas que inteveñan para frear esta fraude e na defensa dos empregos. Ademais, Lobato denunciou a mala fe da empresa ao presentar este ERE non só tendo unha regulación temporal vixente, «senón cando se está a negociar tamén o convenio colectivo».
Axudas da Xunta «para produtos que se fabrican fóra»
Nesta liña, o comité apunta que nas instalacións de Zamáns e nas do polígono de Porto do Molle (Nigrán) se atopan os dous centros técnicos para o desenvolvemento e investigación de novos produtos, «que reciben subvencións públicas por parte da Xunta de Galiza, é dicir que son pagadas por todos os galegos e galegas». Pero estas axudas públicas «só serven para o desenvolvemento de novos produtos que despois se fabrican noutros centros de traballo do grupo BorgWarner (Portugal, India, China, USA, México,…)».
Dende o comité critican a falta de control no uso destas subvencións por parte da multinacional norteamericana pois «non están valendo para evitar que se produzan despedimentos e perdas de postos de traballo na fábrica de Zamáns, como vén ocorrendo nos últimos anos e como se quere realizar agora coa aplicación do ERE para 103 traballadores e traballadoras».
Rolda de contactos cos partidos
A representación dos traballadores e traballadoras de BorgWarner en Vigo reiterou o seu total desacordo coa aplicación deste ERE e emprenderá todas as medidas que sexan necesarias para evitar que se leven a cabo os despedimentos. Previamente á rolda de prensa, o comité concentrouse ás portas da delegación territorial da Xunta en Vigo.
Ademais, a representación do persoal mantivo esta martes unha xuntanza coa candidata do BNG, Ana Pontón, e para mañá mércores teñen previsto reunirse con membros de Galicia En Común.