A “totalidade” do cadro de persoal de Denso, empresa do sector da automoción con sede no polígono vigués de Valladares, secundou este mércores a primeira xornada da folga indefinida convocada para rexeitar os “incumprimentos” do convenio colectivo. Segundo informou a CIG, dende o comité denuncian que a dirección vulnera dende hai anos os acordos en materia de rotación de postos de traballo e de contratacións.
A folga “paralizou por completo” a actividade na compañía como consecuencia do seguimento por parte de todos os traballadores, que se concentraron ás portas da fábrica dende as 06:00 horas. Dende o comité de empresa explican que a convocatoria, que se decidiu por unanimidade de todos os membros, ten por obxectivo forzar a dirección a cumprir o convenio colectivo en vigor (2017-2019).
En concreto, no relativo á rotación dos postos de traballo, xa que o acordo establece que deberá de facerse cada dúas horas para mitigar a fatiga laboral. “Pois despois de tres anos de convenio a rotación faise cada catro horas, cando dende 2018 tíñase que estar facendo cada dúas”, indican desde a CIG, sindicato maioritario na compañía.
Mais tamén con respecto á contratación, xa que o convenio recolle o persoal das quendas de traballo de día (mañá e tarde) ten que ser contratado directamente por Denso. “Pero neste tempo o incumprimento deste artigo foi constante a pesar das denuncias feitas polo comité”, sinalan.
Ao mesmo tempo, a representación do persoal e a dirección levan dende o mes de maio negociado un novo convenio colectivo, “conversas que non avanzan o máis mínimo nin nos puntos anteriores de cumprimento de convenio nin nas demais materiais de negociación, como a redución de xornada, a actualización salarial e as vacacións”.
As partes tampouco se poñen de acordo no que ten que ver con categorías profesionais, reforzo dos postos de mantemento, calidade e líderes de equipo, cambio de mutua de accidentes laborais “por maltrato continuado aos traballadores”, tempos ou métodos de produción. Con todo, as negociacións continúan abertas dende este mesmo martes ás 16:00 horas.