Segundo informou a CIG, os empregados do centro médico apostaron este luns en asemblea por iniciar un calendario de mobilizacións que tivo a súa primeira cita nada máis rematar a xuntanza, cunha concentración na entrada do servizo de Urxencias.
O persoal do hospital vigués abarrotou o salón de actos onde tivo lugar a asemblea na que se abordaron os 13 despidos (10 celadores e 3 traballadores de arquivo) que vén de comunicar a dirección e a convocatoria de distintas mobilizacións para rexeitar «as chantaxes e as coaccións» que está a facer a empresa para lograr «un convenio colectivo favorábel que diferencia entre os traballadores fixos e os eventuais», segundo denuncian dende o comité.
A representación dos empregados informou que un dos celadores despedidos amosouse disposto a iniciar unha folga de fame indefinida, que será secundada nun primeiro momento por tres membros do comité, dous da CIG -incluída a presidenta, María Xesús Neira- e un do SGPS. «Aínda que varios membros das seccións sindicais da UGT e da CGT tamén amosaron a súa disposición a participar nunha protesta que sería indefinida e que daría comezo o 16 de marzo, ao día seguinte de que se faga efectiva a rescisión dos contratos», indican.
Durante a asemblea tamén se puxo enriba da mesa un calendario de mobilizacións que inclúe unha mobilización no interior da policlínica da Gran Vía este mércores ás 15.30 horas; unha protesta no andar baixo de Povisa o xoves de 10.00 a 11.30 horas; e unha concentración diante da delegación da Xunta na cidade o venres de 10.00 a 12.00 horas. Ademais, convocarán unha manifestación o venres día 13 que partirá da Praza dos Cabalos ás 20.00 horas e rematará na Porta do Sol.
De xeito paralelo, o comité de empresa manterá xuntanzas coa Xunta de Persoal do Chuvi para informarse do número de celadores existentes noutros centros médicos e coa representación dos traballadores do 061 «para que non axuden a meter as padiolas cos enfermos cando chegan a Urxencias». Tamén acordaron enviar cartas explicando o conflito laboral e a situación interna de Povisa a pacientes e usuarios, aos traballadores do centro médico e ás distintas canles de televisión de ámbito estatal.
Nada máis rematar a asemblea, que se prolongou de 15.15 a 15.45 horas, os empregados concentráronse ás portas do servizo de Urxencia, onde despregaron unha faixa «en defensa dos postos de traballo» e berraron consignas contra a dirección do centro médico e a Xunta.