‘Cooperativismo nas Escolas’ é unha iniciativa coa que se promove entre os estudantes de Galicia o coñecemento desta fórmula empresarial e os valores que representa. Alumnos e alumnas do IES Santa Irene resultaron premiados en dúas modalidades do certame coas obras A auga no espazo e no tempo e Xogos interactivos: proxecto Santa Irene e recibiron materias didácticos, audiovisuais ou informáticos valorados en 4.000 euros.
Xunto coa entrega de premios, os estudantes asistiron á obra teatral Antía, Wamba e o regato pequeno que foi representada pola compañía A Tropa de trapo e coa que se reflexionou sobre a solidariedade e a igualdade, valores que promove o cooperativismo.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral felicitou aos gañadores animándolles a seguir traballando en equipo, colaborar e esforzarse por alcanzar un obxectivo común, todos eles valores que fomenta a Economía Social, un sector que aglutina na Comunidade a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas.
Unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta no eido laboral, é impulsar o cooperativismo e, para iso, esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. A Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural.
Ata o próximo luns 20 de xuño entregaranse o resto de premios do certame ‘Cooperativismo nas Escolas’ no que tamén resultaron gañadores o CEIP Plurilingüe Domaio (Cangas), o CEIP San Miguel Reinante (Barreiros), o CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo) e o CPI Toural (Vilaboa).
Cooperativismo en Movemento
Ademais hoxe comeza en Redondela a actividade ‘Cooperativismo en Movemento’ coa que se achegará a diversas localidades galegas as vantaxes deste modelo de negocio a través de representacións músico-teatrais, xogos e unha exposición. Esta actividade realizarase tamén en Vilalba e Monforte (Lugo), Verín e Xinzo de Limia (Ourense) e Ribeira (A Coruña).
Os nenos e nenas poderán asistir esta tarde en Redondela ás actuacións de Mamá Cabra e A tropa de Trapo e de xogos cooperativos.
Este programa de actividades rematará o día 2 de xullo coa celebración anual do Día do Cooperativismo e a entrega dos premios ás cooperativas. Na xornada anterior, o 1 de xullo, celebrarase unha xornada de portas abertas nas cooperativas de Galicia.