Rematou sen acordo o período de consultas do ERE presentado por Barreras, que suporá o despedimento de 100 persoas. As centrais sindicais rexeitaron a proposta da administración concursal, que fixaba unhas indemnizacións por rescisión de contrato de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades. A CIG-Industria está a estudar a posibilidade de emprender accións legais contra a propiedade do estaleiro vigués ao entender que actuou de mala fe durante todo o proceso.
Segundo explican dende a federación de Industria, a actitude das compañías propietarias de Barreras quedou clara dende o principio, xa que non quixo participar nas negociacións. “Estabamos a negociar coa administración concursal, pero dende a representación sindical solicitamos que participara tamén a propiedade; entón viñeron pero porque os obrigamos, como así o deixaron claro, pero negáronse a presentar ningunha proposta”, critica Quique Fernández, da CIG-Industria de Vigo.
Por iso dende a central sindical consideran que actúan de mala fe, sen vontade de chegar a acordos, “cando son responsábeis directos da situación na que se atopa o estaleiro e da súa descapitalización”. A intención da CIG dende o primeiro momento era demostrar que existe unha unidade empresarial na propiedade para que se tivese que facer cargo das indemnizacións. Agora só resta que se faga público o auto dos despedimentos, tras o que a central sindical iniciaría as accións legais oportunas para que se depuren as responsabilidades pertinentes.
“Cando menos logramos a readmisión do noso delegado no comité de empresa que fora inxustamente despedido, para que no caso de que finalmente teñan que marchar da empresa os 100 traballadores poida facelo nas mesmas condicións que o resto de compañeiros”, rematan.