A protesta, que nun principio se desenvolverá no interior do centro médico, conta co apoio do conxunto do comité de empresa, o sindicato médico Omega e dous independentes. Segundo explicaron este luns os representantes sindicais en rolda de prensa, a decisión foi adoptada tras o fracaso das últimas mobilizacións para rexeitar os despedimentos na empresa, froito do clima de persecución e acoso que exerce a dirección do centro médico sobre o persoal. «Sabemos que se trata dunha medida moi dura, pero é a única alternativa que nos queda para obrigar á empresa a retirar os despidos e a sentarse a negociar un novo convenio en base ao anterior, non establecendo diferenzas entre o persoal fixo e o de nova incorporación, tal e como pretende», indicou Neira.
A folga de fame será de carácter indefinido e nela participarán nun primeiro momento, ademais da presidenta do comité, outra representante da CIG e un do SGPS. Está previsto que a partir do 16 de marzo, ao día seguinte de producirse a rescisión dos contratos, se sume á protesta un dos traballadores despedidos. Os sindicatos UGT e CGT, tamén presentes no comité, ofrecerán o seu apoio mentres dure unha mobilización.
A intención dos representantes sindicais é permanecer no interior das instalacións de Povisa durante a folga de fame, aínda que no caso de que sexan expulsados do edificio optarán por montar unha caravana ás portas do edificio da rúa Salamanca.