A Central Sindical Galega (CIG) chamou este xoves á mobilización fronte o que denominan “a estafa da luz”. O secretario comarcal de Vigo, Alberto Gonçalves, proclamou que é o momento de “dicir basta” e de plantarlles cara “á mafia das empresas eléctricas” e aos seus “gobernos cómplices” esixindo a fin do aumento de prezos. Neste sentido, criticou a “impunidade” coa que actúan as eléctricas e o “nulo interese da Xunta do PP e do Goberno español de PSOE-Unidas Podemos para garantir con políticas públicas o acceso á electricidade en condicións asumíbeis”.
Por iso, a CIG convocou protestas para este domingo 19 de setembro e fixo un chamamento a participar nelas para dar unha resposta masiva ao sistema. As manifestacións percorrerán diferentes lugares de Galicia, catro deles pertencentes á área metropolitana de Vigo: a propia cidade olívica, Cangas, O Porriño e A Guarda. A convocatoria foi fixada para as 12:00 horas na lámpada de Urzaiz de Vigo, na casa do Concello de Cangas, na casa do Concello do Porriño e na praza Avelino Vicente da Guarda.
Gonçalves lembrou que Galicia salienta pola súa capacidade de producir enerxía, exportando o 30% da electricidade que xera, “mais padecemos as consecuencias dun espolio colonial dos nosos recursos e soportamos unhas das tarifas máis caras, con millares de fogares padecendo pobreza enerxética”.
Incide en que a electricidade non pode ser un “luxo” para a poboación e unha “fonte inesgotable de lucro” para as grandes corporacións, “porque se trata dun ben esencial, básico, que ten que ser garantido dende o público”.
En consecuencia, reclama que se poña fin á propaganda e ás “promesas ocas” e se tomen decisións reais que poñan fin a esta situación inxusta. Neste senso, enumerou as principais propostas que a CIG vén formulando con este obxectivo, como son a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega e dunha empresa pública de enerxía, así como unha reforma a fondo do sistema de tarifas para que “deixe de engordar o oligopolio eléctrico”.