Abel Caballero mantivo este martes en Madrid unha reunión co director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Herrero, de quen obtivo o informe positivo vinculante á ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico para dar cabida a Ikea.
Segundo informou o alcalde ao remate da reunión, a Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento entregoulle formalmente o informe vinculante sobre a ampliación do PTL de Beade-Valladares, informe positivo que Caballero trasladará ao delegado da Zona Franca, David Regades, e que significará o desenvolvemento dunha «gran área de solo comercial» na cidade onde o primeiro edil quere que se instale a multinacional sueca Ikea.
No tocante á humanización da Avenida de Madrid, Caballero e Herrero confirmaron que só falta firmar a addenda ao convenio entre o Concello e o Ministerio, co que estará todo en disposición de iniciar a obra unha vez se conclúa a exposición pública do proxecto. O rexedor recordou que Fomento sufraga a maior parte dos traballos e que será o Concello o encargado de executalos.
Goberno de Vigo e Dirección Xeral de Estradas analizaron tamén as conexións viarias da cidade e a súa incorporación no PXOM que o Concello está a elaborar. O proxecto do túnel entre Vigo e Porriño vai «a moi bo ritmo» e será «enmarcado» no próximo Plan Xeral, conectando coa nova estrada que deseña o Concello para conectar a Avenida de Madrid co hospital Álvaro Cunqueiro e a VG20.
Por último, Abel Caballero solicitou da Dirección Xeral «celeridade» na emisión do informe relativo á ampliación do IFEVI, que Concello e Conxemar queren que estea dispoñible para a edición do outono da feira do conxelado. O alcalde lamentou que Estradas aínda non ten a solicitude de emisión de informe por parte da Xunta de Galicia.
A entrevista con Javier Herrero foi «moi cordial» para Abel Caballero, quen obtivo «resposta positiva» a todos os temas da cidade postos sobre a mesa da Dirección Xeral. O alcalde valorou a «interlocución» existente co Ministerio, «con atención ás necesidades da cidade de Vigo».