A área sanitaria de Vigo ven de activar un novo servizo de atención telefónica para as mulleres xestantes, que será atendido directamente polos especialistas en Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, durante esta pandemia do Covid-19.
Así, a partires do luns, as embarazadas que teñan dúbidas ou inquedanzas en relación co seu estado de saúde poderán contactar de xeito directo cos especialistas chamando ao teléfono 648 934 070. Este canal de comunicación estará operativo de luns a venres en horario de mañá e tarde, de 9:00 a 14.00 e de 16:00 a 19.00 h.
Segundo afirma o xefe de Obstetricia e Xinecoloxía da Área Sanitaria, Carlos López Ramón y Cajal “ trátase dun colectivo máis vulnerable, que presenta moitos medos e dúbidas e, polo tanto, require dunha maior atención e sensibilidade. Queremos axudalas a que se sintan ben coidadas e seguras, que estean tranquilas e que intenten desfrutar, na medida do posible, a pesar destas circunstancias, do seu proceso de embarazo”.
Neste senso, o especialista fai tres recomendacións: achegarse ás Urxencias hospitalarias ante os primeiros síntomas; minimizar o sedentarimo e inmovilismo realizando na casa sinxelos exercicios físicos de circulación para evitar un risco de problemas circulatorios; e por último, utilizar este novo servizo telefónico para aclarar calquera dúbida ou incidencia.
“Estamos detectando –asegura Carlos López- que as xestantes presentan certo rexeitamento a achegarse ao servizo de Urxencias por medo a exporse ao virus e contaxiarse, e cando deciden vir, xa chegan con certo retraso. Non hai motivo que xustifique ese temor. Dispoñemos dunhas Urxencias cuns circuítos específicos e diferenciados para a asistencia obstétrica, que nos permiten garantir a calidade e seguridade da atención”.
De feito, os últimos datos rexistrados reflicten que o número de pacientes atendidas nas Urxencias Obstétricas diminuíron á metade. Así, si durante o pasado ano a media de atencións era de 30 pacientes diarios, no mes de marzo xa baixaron a 24 atencións, e nestes primeiros dias de abril contabilizáronse 15. Por isto, a mensaxe é contundente “non deben esperar, é importante que acudan ás Urxencias ante os primeiros síntomas”, reitera Carlos López.
Partos con acompañante
Desde o servizo quérese enviar ás mulleres grávidas unha mensaxe de tranquilidade xa que os profesionais aseguran que, a pesar da situación sanitaria actual, sempre que sexa un parto normal, durante todo o proceso seguirán puidendo estar acompañadas por un familiar ou achegado; non terán que estar soas. O único que tense limitado nestes momentos é a concorrencia de varios familiares e acompañantes, para evitar as concentracións de persoas nas salas de espera e o conseguinte risco de contaxios.
O Hospital dispoñe dun Protocolo de Atención aos partos para as pacientes co COVID-19, baseado fundamentalmente na adopción de medidas de seguridade e protección para a nai, o bebé e o propio persoal que atende o parto.
Ata agora, o Álvaro Cunqueiro leva atendidos dous partos COVID-19, nos que as nais foron positivas ao virus. Os seus bebés naceron sans, libres do virus, e nestes momentos, ambas mulleres como os seus fillos evolucionan favorablemente.