O Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou este sábado que a área sanitaria de Vigo ven de contratar a un total de 65 residentes no seu último ano de formación de 29 especialidades médicas e 4 de enfermaría.
As contratacións chegan a través das ordes da Consellería de Sanidade publicadas no Diario Oficial de Galicia polas que se encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación de todas as especialidades, o exercicio das funcións de facultativo adxunto especialista, médico de atención primaria, pediatra de atención primaria ou enfermeiro especialista durante a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.
Ademais, o Sergas apunta que leva contratados a un total de 65 residentes no seu último ano de formación: 11 de Medicina Familiar e Comunitaria; 2 de Anestesia e Reanimación; 4 de Pediatría; 2 de Radiodiagnóstico; 2 de Medicina interna; 2 de Obstetricia e Xinecoloxía; 2 de Anatomía Patolóxica; 2 de Oftalmoloxía; 2 de Cardioloxía; 2 de Traumatoloxía; e 1 de cada unha das especialidades restantes. Ademais, contratáronse 5 residentes de Enfermería Familiar e Comunitaria, 4 Enfermería Pediátrica; 2 de Saúde Mental e 4 matronas .
A prestación é voluntaria e require informe favorable provisional da comisión de docencia. O persoal percibirá as retribucións das categorías de médico e enfermeira correspondentes, incluído produtividade e gardas, e tamén lle serán computados os servizos prestados para futuras OPE e demais procesos de provisión.
«Esta iniciativa, que supón un importante incremento do cadro de persoal da Área Sanitaria de Vigo, adóptase co fin de contribuír á correcta prestación asistencial, especialmente para a asistencia de pacientes Covid-19, e durará en función das necesidades asistenciais», asegura o Sergas.