A área sanitaria de Vigo recibiu, este luns, aos 97 novos residentes que se formarán nas distintas especialidades. O acto de benvida celebrouse no Hospital Álvaro Cunqueiro, baixo a presidencia do xerente da área sanitaria, Javier Puente.
Por motivos de aforo con motivo da pandemia, o acto desenvolveuse en dúas sesións diferenciadas, a fin de preservar as medidas que marca o protocolo antiCovid. Ademais do xerente, no acto de presentación estiveron os responsables das áreas de docencia hospitalaria e de primaria, Eduardo Murias e Victoria Martín, respectivamente.
A primeira lección do curso foi impartida polo xefe do servizo de Cardioloxía, Andrés Íñiguez, que realizou unha presentación sobre o que debería significar o período de formación para os futuros especialistas. En nome dos residentes falou María Cespón, R-5 de Cardioloxía.
Javier Puente exhortou aos graduados que acaban de chegar a aproveitar o seu período de formación non só para adquirir coñecementos senón para aprender a empatizar cos pacientes, dos que dixo ”sempre deben ser o primeiro”.
Especialidades
Dos 97 novos residentes da Área Sanitaria de Vigo, 65 o son de especialidades hospitalarias e 32 de Atención primaria. Destes últimos, 24 son facultativos e o resto, 8, son persoal de enfermaría.
En canto ás especialidades hospitalarias, a máis numerosa, con 7 residentes, é Pediatría, seguida de Anestesioloxía, Radiodiagnóstico, Medicina Interna, Psiquiatría, Cardioloxía, Cirurxía Xeral e Dixestivo, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, e Obstetricia e Xinecoloxía. En enfermaría, 4 graduadas son para pediatría, outras tantos para enfermaría obstétrico-xinecolóxica, e dúas máis para Saúde Mental.