A dúas semanas do Nadal moita xente comeza a mercar agasallos para os seus seres queridos, e con este motivo a Deputación de Pontevedra puxo en marcha por sexto ano consecutivo a campaña de adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos. Así, no marco de ‘Xogando aprendemos a vivir. O xogo é unha ferramenta para mudar o mundo’, a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentaron hoxe as accións que se estenden ao transporte público da cidade e máis concretamente a Vitrasa.
Esta iniciativa supón que desde hoxe dous autobuses das liñas H e 17 percorrerán tanto as zonas rurais como o centro urbano, “concienciando a todas e todos de que hai que comparar xoguetes non sexistas e non violentos”. Ademais dos vinilos nestas dúas liñas, en todos os Vitrasa que percorren a cidade estase a proxectar o vídeo-animación cunha periodicidade aproximada de tres veces á hora. A campaña tamén inclúe a pegada de carteis en establecementos de varios concellos da provincia, cuñas de radio e publicidade nos medios de comunicación offline e online.
“Compremos e regalemos igualdade”. Este foi o chamamento que a presidenta da Deputación fixo á cidadanía nunhas datas tan sinaladas, poñendo en valor o “enorme poder para educar que teñen os xogos e os xoguetes”. Para a presidenta, o feito de mercar “xoguetes diferenciados para nenas e para nenos realmente dille a unhas e a outros que teñen distintas posibilidades de ter presenza no mundo, e iso é absolutamente falso. Os xogos que temos de pequenas e pequenos condicionan ás mulleres e aos homes que seremos no futuro”.
Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero centrou a súa intervención na “necesidade de que a igualdade chegue a todos os polos da sociedade e que todos os nenos e nenas vivan dende pequenos nela”. Para o alcalde vigués a igualdade debe ser un “valor asumido que forme parte da cultura” e que os cativos e cativas poidan vivila “de forma habitual no mundo do deporte, a cultura ou a universidade”.