O alcalde de Vigo informou este luns das propostas culturais para conmemorar o 17 de Maio, Día das Letras Galegas, e o Día Internacional dos Museos, o mércores 18. Este martes, desde as 12 horas na Casa Galega da Cultura, terá lugar a lectura de textos de Fernando Delgado Gurriarán e o mércores, no Marco, maratón de linguas, visitas guiadas, obradoiro infantil e un concerto
Polo Día das Letras Galegas, o bando correrá a cargo do cronista oficial da cidade de Vigo, Ceferino de Blas, quen abrirá coa súa lectura o acto que se celebra este martes na Casa Galega da Cultura, desde as 12 horas. A celebración continuará con lecturas de textos de Fernando Delgado Gurriarán, o autor recordado este 2022, para “render homenaxe á súa obra”, en verbas do alcalde.
O día seguinte, o mércores 18, Vigo súmase á conmemoración do Día Internacional dos Museos con distintas actividades de acceso gratuíto ata completar aforo que terán lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo ao longo de todo o día.
Segundo citou Caballero, o Marco acollerá clases en distintos idiomas no “maratón de linguas”, un concerto das obras máis representativas do século XX para clarinete solo e dúo, da man do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Vigo; tamén un obradoiro de lingua de signos para nenos e nenas desde os tres ata os doce anos e visitas guiadas polo persoal do museo ás exposicións de Alfredo Alcain, Francisco Leiro e Idoia Montón, con pases ás 12 e as 18 horas.