Hai un ano, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra asinaban un compromiso mutuo para poñer en marcha a Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, co dobre obxectivo de evitar que no espazo dixital se reproduza e amplifique a desigualdade de xénero que persiste na sociedade e, ao tempo, incrementar a presenza feminina nas áreas científico-tecnolóxicas. Transcorridos 12 meses, ambas institucións consolidan esta colaboración cun novo convenio, no marco do cal a Deputación achega 60.000 euros. O acordo, que foi asinado este venres polo reitor Manuel Reigosa e a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, contempla unha serie de actividades para este próximo curso no marco da cátedra, como a posta en marcha dunha convocatoria de premios para promocionar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mozas ou a creación dun “comité de sabias”.
O obxectivo deste novo convenio é dar continuidade á Cátedra Feminismos 4.0 para «a promoción da igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información e, en concreto, a promoción e impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos de coñecemento, priorizando en especial os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEM, onde as mulleres están infrarrepresentadas e que resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro”, explicaban os representantes de ambas institucións.
Carmela Silva agradeceu a colaboración da Universidade de Vigo, á que cualificou como un “referente nacional en políticas de igualdade” ao tempo que recoñecía que este “é dos convenios que eu firmo con máis satisfacción, e fágoo cun home feminista e empoderado”. O reitor da UVigo agradeceu estas palabras e lembrou a necesidade de “non dar un paso atrás” no que se refire á loita pola igualdade real, que non se produce, puntualizou, nin sequera “en institucións aparentemente igualitarias como a universidade”. Neste sentido, Reigosa remarcou que a igualdade é “o tema fundamental do século e a sociedade, se quere ser plena e xusta ten que ser igualitaria e, daquela, ten que ser feminista”. Tamén incidiu na importancia de que a perspectiva de xénero “impregne as tres funcións da universidade: a docencia, a investigación e a divulgación”.
O acto contou coa presenza da nova deputada responsable do eido de Igualdade, Victoria Alonso e da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez.
Actividades para potenciar a presenza feminina nas STEM
Segundo explicaron ambos representantes institucionais, existen estudos que amosan que as mulleres en xeral obteñen mellores resultados no seu paso pola universidade que os homes: mellores taxas de rendemento, éxito e avaliación, notas medias e taxas de idoneidade e graduación. Porén, prodúcese unha concentración importante de estudantes mulleres nas carreiras de artes e humanidades, ciencias sociais e xurídicas e ciencias da saúde, mentres que a súa presencia é moito menor nas enxeñerías. A porcentaxe de postos ocupados por mulleres en traballos relacionados coas materias STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) seguen sendo residual.
Para tratar de mudar este escenario, no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo poranse en marcha diversas actuacións concretas, como os premios GirlGeekCivid, “para promocionar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as alumnas da Universidade de Vigo de titulacións dos campus situados na provincia de Pontevedra”, unha actividade “de especial relevancia nestes tempos de pandemia”, puntualizaba Silva.
Por outra banda, en outubro celebrarase a segunda edición do workshop virtual Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, que contará coa participación de investigadoras expertas internacionais e nacionais. Esta cita comprenderá un wikimatarón feminista e un obradoiro virtual para, como explicaba Silva, “identificar e combater os machitroles, porque é moi importante facernos conscientes dos ataques brutais que acontecen nas redes sociais e que sufrimos as mulleres e para os precisamos ter respostas”.
Outra das novas propostas da cátedra, moi celebrada por Silva e Reigosa, é a creación dun comité de sabias, para “que a xente saiba que hai grades expertas e conte co seu coñecemento”. O acordo contempla tamén continuar coa convocatoria de bolsas de investigación en cuestións relacionadas coa igualdade, cunha contía de 6000 euros, así como a creación dun espazo web para a Cátedra Feminismo 4.0.