O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo este martes en Vigo unha xuntanza co arquitecto encargado do proxecto da Cidade da Xustiza, Alfonso Penela, para coñecer o estado dos traballos e avaliar as consecuencias que tivo a crise sanitaria na execución da obra.
O último prazo ofrecido polo Goberno galego situaba no vindeiro mes de agosto o remate da actuación e o inicio da actividade de 35 unidades xudiciais no novo edificio. Agora, o Executivo autonómica fixa unha nova data: finais de 2020. Este ano remataranse todos os edificios externos (incluída a torre), a escola infantil e as urbanizacións. Iso si, quedarán pendente parte dos revestimentos interiores.
Segundo argumenta a Xunta, as obras da Cidade da Xustiza de Vigo tiveron que facer fronte a circunstancias como “o freo total dos traballos durante parte do estado de alarma, os ERTES nas empresas subcontratadas, o problema coa subministración de materiais ou as restricións do número de obreiros para garantir as medidas sanitarias”.
Ademais, o proxecto sufriu un sobrecusto de 10,6 millóns de euros ao ter que acometer derrubes imprevistos, elevando a inversión a 38 millóns. Actualmente, están traballando nas obras 140 obreiros, que poderían chegar a ser 200 no verán, sempre que as medidas sanitarias o permitan.