«»A falta de persoal durante as vacacións de Nadal e a política de recortes e de peche de camas da Xunta están a provocar colapsos constantes nas urxencias médicas dos hospitais galegos. No caso do Meixoeiro de Vigo, nestes momentos ducias de persoas teñen que agardar nos corredores para recibir asistencia médica, mentres que o HULA ten sete doentes ingresados/as nos boxes de urxencias, xa que Observación permanece chea e boa parte das camas pechadas», aseguro a CIG.
No caso da Área Sanitaria de Vigo, nestes momentos ducias de persoas teñen que agardar nos corredores do hospital do Meixoeiro para recibir asistencia médica, algo que tamén foi unha constante na tarde do martes e esta pasada noite, engade o sindicato nacionalista. Dende a federación de Saúde da CIG denuncian que o persoal do Meixoeiro non dispoñía nin de padiolas para atender os pacientes, que tiñan que agardar de pé nos corredores a seren atendidos.
Esta nova situación de colapso coincide cun repunte dos casos de gripe e coa escaseza de persoal com motivo das festas de Nadal é consecuencia da política de recortes e de peche de camas da Xunta, o que fai que algúns doentes teñan que ser derivados a outros centros médicos da cidade. Ao mesmo tempo, dase a circunstancia de que os médicos de Urxencias do Meixoeiro manteñen unha folga dende hai un mês, «aínda que a protesta está a ter pouca incidencia na situación do centro porque os servizos mínimos están a ser do 100%».
Por outra banda, dende a CIG-Saúde critican que o centro tampouco conta con roupa de cama suficiente a causa dos problemas no servizo de lavandería. «En novembro estropeouse unha das máquinas e o pasado sábado a outra, polo que mandaron as traballadoras/es para a casa».
Boxes cheos e camas pechadas no HULA
Pola súa banda, a sección sindical da CIG-Saúde no HULA remitiu este mércores un escrito á dirección de Procesos Asistencias denunciando o caos que se está a vivir no servizo de urxencias, mentres boa parte das camas do Hospital permanecen pechadas. Así, sinalan, houbo sete doentes ingresados nos boxes de Urxencias (debido a que a Observación estaba chea), a pesar das necesidades asistenciais dalgunhas persoas, como un doente con orde de transfundir varios concentrados de hematíes e outro con controis constantes, polo que ocupaba un box de críticos.
A sección sindical sinala que as poucas camas libres que quedan no centro se atopan en Unidades Cirúrxicas, porque hai poucas intervencións programadas, mentres noutras unidades «están xa con máis doentes que camas permanecían abertas». Esta situación, explica Carme Aira, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde, provoca que os doentes que permanecen nos boxes sexan trasladados/as aos corredores, xa que estes espazos se precisan para ver novos doentes que acudan ás urxencias. Ademais, estes enfermos/as non teñen médico/a asignado/a xa que non son pacientes de urxencias senón de hospitalización, e teñen que permanecer nunha cama á espera de ingreso «co mínimo confort e sen ápice de intimidade».
O resultado, advirte, é que nalgún caso «o propia doente pide a alta voluntaria porque non se sente atendido». A CIG-Saúde critica a falta de actuacións da dirección para pór remedio a unha situación que se repite «con excesiva frecuencia para a frustración de doentes e persoal». «A única cuestión que parece clara e indiscutíbel é que hai que pechar camas e paralizar o HULA. Con respecto ao resto o único interese é cronificar a desorde, de modo que ás doentes lles custe acudir á urxencia e ás profesionais traballar nela».