Os delegados da CIG no servizo de bombeiros do Concello de Vigo presentaron este venres unha denuncia penal no xulgado contra o alcalde, Abel Caballero, por “vulneración do dereito de folga”, unha vez que o TSXG ratificou a anulación dos servizos mínimos impostos ao consideralos ilegais.
Segundo explican dende a central, a razón de ser de esta nova denuncia, dirixida neste caso contra Abel Caballero, radica no feito de que “el foi a autoridade municipal que coartou e impediu o lexítimo exercicio do dereito de folga, que lexitimamente foi convocada por dous sindicatos do Concello”.
Lembran que a “nulidade radical” dese decreto foi declarada por dúas sentenzas xudiciais nas que se deixou ben claro, polos órganos da xurisdición contencioso administrativa, que aquela decisión foi adoptada sen motivación e que tivo por exclusiva finalidade impedir a libre expresión deste dereito constitucional.
“Aquel decreto impedindo o dereito de folga foi a segunda resposta ilegal que ofreceron as autoridades municipais ante as lexítimas reivindicacións deste colectivo profesional; a primeira resposta foi o ditado doutro decreto, tamén invalidado polos tribunais de xustiza, suprimindo os nosos descansos regulamentarios; e a segunda, a supresión do dereito de folga; toca agora que os órganos da xurisdición penal depuren responsabilidades”, sinalan.
Por outra banda, os sindicatos CIG, CUT e CCOO denunciaron este xoves o Concello de Vigo diante da Inspección de Traballo para que determine se existiron incumprimentos ou irregularidades na aplicación da normativa de prevención de riscos laborais no que ten que ver coas medidas de protección fronte á Covid-19 tras varios contaxios no servizo de bombeiros.
A denuncia, que conta co aval de todas as centrais representadas na comisión de bombeiros -CIG, CUT, CCOO, SICO e UGT- foille trasladada tamén á concelleira de Seguridade e presidenta do Comité de Saúde Laboral, Elena Espinosa, como responsable da seguridade do persoal municipal.
Segundo relatan no escrito, os traballadores non foron informados de que tiñan a condición de contacto estreito unha vez confirmado o positivo dun compañeiro. Ademais, a xefatura do servizo, supostamente por indicación do médico de empresa, cominou a varios funcionarios a presentarse no traballo, sendo conscientes da condición de contacto estreito de todos eles.
“Algúns traballadores, por medo ás posíbeis sancións e represalias derivadas do actual clima de conflito no servizo, incorporáronse ao seu posto, converténdose en potenciais propagadores do virus entre os seus compañeiros, as súas familias e demais cidadáns ao non cumprir o preceptivo illamento”, censuran. Pola contra, o persoal que si contactou coas autoridades sanitarias e os rastrexadores do Sergas “recibiu dende o principio as instrucións e seguiu o illamento protocolario”.
En consecuencia, os empregados que se incorporaron ao servizo estiveron en contacto directo cos demais compañeiros durante a quenda de 24 horas, “facéndolles unha proba de detección rápida á que lle deron a validez de xeito unilateral, saltándose os máis elementais principios de acción preventiva”.