A totalidade da comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal de Vigo (claustro, representantes de pais e ANPA) rexeitou por unanimidade no Consello Escolar extraordinario deste xoves a proposta municipal de trasladar a Escola Infantil Santa Marta as súas instalacións desde o vindeiro curso, segundo informou nun comunicado de prensa.
O motivo argumentado ante o representante do Concello de Vigo é a non existencia de aulas libres e, adicionalmente, a incompatibilidade absoluta co protocolo de seguridade Covid-19 e mesmo co normal funcionamento do centro. «Circunstancias todas elas que xa corroboraran nunha visita ás instalacións o propio delegado territorial de Educación, o inspector xefe provincial e o técnico da Xunta», asegura a comunidade educativa.
A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal afirma que mantén a súa vontade de colaboración co Concello para atopar alternativas que garantan a continuidade deste servizo de gardería esencial para o barrio, pero lamenta que ata agora a única opción dada para a súa pervivencia sexa a súa reubicación «neste colexio de reducidas dimensións e sen ningún espazo en desuso».
«A escola infantil municipal é un servizo básico para o noso barrio, imprescindible para a conciliación de moitas familias e especialmente necesaria na actual situación de crise sanitaria e económica. Sen embargo, a proposta dada semella froito da improvisación e non dunha valoración real do lugar e das necesidades de ambos centros educativos, prexudicando con ela aos dous piares da educación infantil e primaria no barrio», afirman no comunicado.