Ata o vindeiro 23 de xaneiro está aberto o prazo de solicitude das Bolsas Comedor, unhas axudas que teñen como obxectivo garantir a igualdade de oportunidades do estudantado cunha situación económica que poida dificultar o seu acceso e permanencia da Universidade.
En total, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), destinase a esta convocatoria un orzamento de 280.000€ que se repartirán en 560 axudas de 500€ cada unha. No curso 2021/2022 presentáronse 974 solicitudes para obter unha das bolsa comedor; delas, foron concedidas 624 mentres que outras 350 foron denegadas por diversas causas.
Para a obtención desta bolsa, o alumnado deberá ter concedida a bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación e Formación Profesional e estar matriculado no presente curso nunha titulación de grao ou de mestrado na Universidade de Vigo en réxime presencial de 42 créditos ou máis, agás no caso do estudantado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65%, que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo do 50%.
Ademais, a convocatoria tamén esixe non ter superado un máximo permitido de bolsas comedor en cursos pasados, así como certos requisitos relacionados coa renda per cápita anual da unidade familiar, que poden consultarse no texto da convocatoria.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de xaneiro ás 23.59 horas. Unha vez analizada a documentación, a Sección de Axudas e Bolsas publicará unha listaxe provisoria de solicitudes admitidas e excluídas. Posteriormente abrirase un prazo de 10 días hábiles para emendar erros e presentar alegacións. Seguidamente farase pública a resolución provisional de bolsas concedidas e denegadas, tras o que tamén se abrirá un prazo de reclamacións para acadar unha listaxe definitiva.