A Corporación Municipal de Vigo deu vía libre este xoves, nunha sesión plenaria extraordinaria, á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 1993 para reordenar e urbanizar o ámbito do Barrio do Cura. A iniciativa obtivo os votos favorables do PSOE e o PP, a oposición da Marea de Vigo e a abstención do BNG.
Trátase dunha aprobación inicial que permitirá modificar o PXOM en vigor nesta zona. A continuación, o departamento de Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia debe supervisar o troco e emitir un informe preceptivo. Cando se dispoña del, a Corporación Municipal dará o seu visto e prace definitivo. Isto permitirá que comecen as obras de construción, xa que as de demolición, que non requirían deste trámite, xa remataron.
A concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu que esta modificación propiciará a “transformación integral” dese ámbito, que é “imprescindible” debido á “degradación” e á situación de “ insalubridade” da zona, en pleno centro da cidade, á beira do Casco Vello. Ademais, engadiu, esa urbanización complétase con actuacións públicas na contorna, como a peonalización de Porta do Sol, a próxima recuperación da Panificadora ou as melloras de mobilidade a través do programa Vigo Vertical.
Caride tamén subliñou que o proxecto de urbanización respecta o patrimonio histórico, contempla a creación de 300 prazas de aparcamento, zonas verdes ou unha gran praza. “Esta vez vai en serio, e vai rápido”, proclamou. Na mesma liña, o voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, dixo que “este goberno está a coser as feridas da cidade, facendo que salga unha nova pel brillante”. O edil do PSOE celebrou que o goberno resolva “unha cuestión histórica pendente”.
O voceiro municipal do PP, Alfonso Marnotes, recoñeceu que a recuperación do Barrio do Cura é un “vello anhelo da cidade”, que permite poñer fin á degradación á beira do Casco Vello. Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal Marea de Vigo, Rubén Pérez, expresou a súa oposición á forma en que se vai a urbanizar este ámbito, no seu maior parte propiedade dun fondo privado e, finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén cuestionou a urxencia da modificación do PXOM de 1993.